20230618

Discurso de investidura de Daniel Vega

    Deixo a continuación o discurso de investidura de Daniel Vega e logo, tal como aparece na nota de prensa do concello onte, xunto con dúas fotos:

Foto Dani Vega

NUN SALÓN DE PLENOS ABARROTADO

Investidura de Daniel Vega

17/06/2023

O novo alcalde, Dani Vega, aposta polo traballo conxunto da nova Corporación para que Ribadeo siga a medrar como pobo. Na súa primeira intervención como rexedor tivo palabras de agradecemento para toda a veciñanza facendo fincapé en que "todos construímos Ribadeo". Tamén subliñou que "para min ser alcalde de Ribadeo é a maior honra como veciño que naceu e viviu neste concello e que sempre o levou na cabeza e no corazón".

Igualmente, deixou constancia do seu compromiso de traballo para todos os ribadenses en igualdade da man dun goberno que se marca como obxectivo "traballar nunha dirección única: impulsar Ribadeo e achegar investimentos clave para mellorar e avanzar". Vega dixo que o seu goberno apostará por dinamizar a economía local, impulsar o polígono industrial e por introducir industria en Ribadeo, polas infraestruturas, pola sanidade e o benestar social, polos investimentos na zona rural e por un novo plan de residuos, entre outras medidas.

O alcalde declarou: "comeza unha nova lexislatura e o primeiro que queremos facer é dar as gracias  a todos os veciños por ese respaldo tan rotundo e maioritario que supuxo un cambio de goberno en Ribadeo. Un sincero agradecemento a todos os veciños".

O novo rexedor sinalou que "agora toca seguir traballando, xestionando e abrindo as portas á inversión. Nos xa o diciamos desde oposición e seguímolo a dicir: debemos traballar todos como Corporación. Agora o PSOE e o BNG son a oposición, pero poden seguir traballando e colaborando con nós como goberno. Nos imos escoitar as propostas, imos recoller todas as iniciativas que sexan para medrar como pobo. Creo que entre todos o podemos facer". 

Dani Vega aludiu aos retos marcados polo novo equipo de goberno: "temos grandes retos e necesitamos a axuda de todas as administracións. Cando diciamos na pasada lexislatura que hai que abrir as portas á inversión farémolo realidade porque somos o goberno de todos, non so duns poucos, senón de todos os ribadenses".

Para o alcalde de Ribadeo "traballar como Corporación significa que entre todos debemos traballar para impulsar a economía de Ribadeo. Imos impulsar o polígono industrial, imos baixar impostos e imos introducir industria en Ribadeo, porque queremos emprego para a nosa mocidade, para todas as persoas, co obxectivo de que non se teñan que ir de Ribadeo".

O turismo e o benestar serán outros dos piares nos que se centrará o traballo de Dani Vega e do seu equipo: "tamén queremos e cremos nunha economía diversificada e por iso imos apostar polo turismo, por ese turismo diverso, da vila e do rural.  Ademais imos facer un novo plan de residuos porque queremos un Ribadeo máis limpo. Apostamos pola sanidade, por iso imos aportar enseguida os terreos para a construción do novo centro de saúde. Queremos un Ribadeo de benestar, por iso imos reformar o Hospital Asilo e imos seguir nese traballo de reubicar ás persoas que alí viven". 

O rexedor seguiu a relatar que "sempre dixemos que eran necesarias novas infraestruturas, por iso imos facer novos aparcamentos e tamén investiremos nas estradas e nas rúas. Imos investir nas parroquias, precisan maiores investimentos, é necesario apostar polo rural . E tamén apostaremos pola cultura, por esa cultura viva e diversa que necesita Ribadeo e eses grandes eventos e festivais que vai ter Ribadeo este verán. Nos apoiámolos desde a oposición e agora desde o  goberno apoiarémolos máis. Quero trasladar o meu agradecemento a toda esa iniciativa xuvenil, que impulsa a economía e tamén a cultura do noso pobo". 

E tivo palabras de agradecemento para os deportistas locais: "e tamén o agradecemento de todos os deportistas que levan o nome de Ribadeo por todo o mundo, gracias ás entidades deportivas. Imos seguir apoiándovos desde o Concello agora máis". 

Dani Vega insistiu no seu discurso: "e quero dicilo con moita claridade debemos traballar todos como Corporación para dar pasos en firme, para traballar por ese Ribadeo en igualdade. Entre todos podemos mellorar o pobo que amamos e respectamos. Dicía Brañas sexa todo por Galicia e para Galicia e eu creo que debemos dicir alto e claro sexa todo por Ribadeo e para Ribadeo".

    Engado dúas fotos dende o muro de Facebook do novo alcalde, a primeira recibindoo bastón de mando de mans de Vicente Castro e a outra, o novo equipo de goberno: 




Ningún comentario: