20230628

Implosión

Implosión

    Vexo pasar a xente a mercar. Sentado, sen consumir no sentido de mercar cousas das que podo prescindir, por moito que queran vendermas como necesarias ou intelixentes (as miñas accións de compra ó adquirilas). Coches que chegan e se van, consumindo eles tamén ó levar ás persoas a consumir. Ocio que se iguala a consumo. Un ideal para lubricar a economía, unha economía que necesita medrar para manterse. Un sistema insostible. Implosionable.

    Se non fose pola inmigración, habería moita máis necesidade de traballadores. Se non fose polos inmigrantes, a economía non podería manter a súa marcha, estaría a contraerse, as cousas deixarían de funcionar, unha agora, outra despois... e non poderiamos nin aspirar a amañalas. As cotizacións sociais caerían. Os servizos asociados tamén caerían, xa non só impulsados cara abaixo pola corrupción ou a a súa liquidación ideolóxica. Temendo unha implosión.

    Cada vez hai máis 'novos materiais' e máis optimización para fabricar máis cousas con menos subministracións. O aumento da ganancia impulsa. Tamén cada vez se recicla máis ó tempo que a obsolescencia programada ascende de xeito rampante pasando pouco a pouco a ser unha obriga o que antigamente era unha necesidade, a substitución do aparello. Mais, aínda así, cada vez a escaseza de materias primas, a loita por elas, e o seu acaparamento, aumenta. E con iso, os problemas da industria, cada vez menos técnicos e máis de subministracións mentres hai un comezo de implosión.

    Cada vez a economía é menos primaria. Os alimentos só aumentan os prezos pagados ó produtor nas crises principais, a industria mantense variando unha moi innecesaria produción e hai máis sector terciario, servizos de todo tipo, dende amañar aparellos ata servir un refresco, pasando por coidar dos nosos maiores ou pequenos, ou cubrir todo tipo de necesidades reais ou sobrevidas ós anuncios de que as temos. Un terciario que pode seguir a medrar mentres nos convenzan de máis e máis necesidades. É dicir, mentres sexamos menos autónomos: En certo xeito, menos persoas. Nese sentido, o medre é unha sinal de implosión interior. Tamén.

    A temperatura sube, a poboación mundial segue a medrar cunha inercia minguante, que cada vez se prevé que se esgote antes. Na China impuxeron como norma de estado o límite de natalidade. Agora xa teñen o problema de que é a poboación, as persoas individuais, a que non quere pasar dese límite, mesmo nin chegar a el. En Galicia ese tema xa deberamos coñecelo ben, algo dubidoso polas medidas que se artellan. E non se trata de procurar unha solución obrigando ás mulleres, poñéndoas -literalmente- a parir. Implosión da poboación.

    Houbo algún tempo atrás un desenvolvemento da cultura, da educación. Agora fálase de cultura para relacionala con todo, perdendo o seu valor: é equivalente a non relacionala con nada. Mentres, confúndese educación con formación para o traballo, en función duns postos de traballo que non se sabe como evolucionarán, mesmo se existirán dentro de poucos anos. Implosión educativa.

    O mundo ten ido aumentando a súa diversidade a medida que poboación, comunicación e posibilidades anteriores o permitían. Todo para, agora, diversificarse máis a medida que nos unificamos máis. Sen contradición. A diversidade é máis aparencia de 'non quero parecerme', ou polo contrario, 'quero parecerme', que de 'son diferente': as costumes implosionan dun xeito case coordinado en todo o planeta, mentres en cada lugar quedan destruídas as costumes históricas. As malas, pero tamén as boas.

    Para avanzar, necesitamos contrastes. Témolo feito intensificando as relacións, primeiro xuntando a xente en poboacións cada vez máis grandes, logo mellorando os medios de desprazamento, despois os de telecomunicacións, ata chegar a hoxe, cando a variedade nas redes estase a reducir pola propia mecánica de rendibilidade dos algoritmos, expulsando á diversidade, ás minorías sen poder. Unha implosión.

    Suavemente, con diferentes velocidades, con diferente comezo, cada vez máis rápido, estamos a implosionar.

    Colapso. Mentres afunde o barco, a orquestra segue a tocar no salón de primeira clase. [Nota: están arriba e confían en que como mínimo, serán os últimos en afundir.]

Ningún comentario: