20230612

Recuncho da lectura: Terapias de parella

 

Terapias de parella

    O outro día, pasando por Santiago, topei coa SELIC. Si, unha feira do libro, aínda que cunha orientación que entendo máis cálida ca outras, quizais máis cara á lectura.

    Unha carpa de beiras transparentes na Quintana de Mortos daba acubillo á exposición de libros, en andeis agrupados por expositores, a máis dun pequeno espazo para presentacións e actividades en xeral. A súa disposición chamoume a atención, e non resistín a facer unha pequena escapada no seu interior, para ver o que era aquelo máis que para curiosear en libros. Xusto á entrada, por onde accedín, estaban os andeis da propia SELIC e chamáronme a atención aqueles pequenos volumes de colección. Detínme o mínimo imprescindible mais a persoa que estaba ó cargo achegouse e díxome que podía coller un, sempre e cando enchera unha enquisa que viña no programa, que me pasou. Dito e feito, a enquisa consistía en escribir unha palabra que tivera 'l' e que asociara coa lectura -que mellor que 'liberdade'?, pensei; foi logo cando me decatei de que é unha das que aparece na portada do programa- o nome e o lugar de onde proviña. E collín un dos libriños, Terapias de parella. Non creo que chegaran a dous minutos máis o que pasei na SELIC 2023. Abondo para causarme unha boa sensación cos eus estantes-librería por stands e o seu desenfado de proximidade como gancho.

    Foi despois, de volta á casa, cando lin o curto Terapias de parella (non ten ISBN, pero si Depósto Legal, C 1024/2018, pois aínda que na edición, o 'C' non aparece, supóñollo ó ser editado e producido en Santiago), antoloxía de seis contos feita por Pepe Sendón que comeza cunha sinxela pero reveladoramente entrañable trama de Chejov, 'Un calendario vivo', de escasas seiscentas palabras -vez e media este escrito- e que é unha perla que anima a seguir na lectura. Os seguintes contos, todos curtos, de dimensións parellas, todos sobre o tema baixo o título, de Kate Chopin, Colette, Guy de Maupassant, Robert Barr e Marcel Proust non desmerecen o primeiro, cada un no seu estilo, xa sexa iluminando a intelixencia ou extraendo un sorriso, facendo que enfoquemos as relacións entre sexos de máis maneiras que contos presentes. Velaí a riqueza que a liberdade da lectura nos dá.

    Unha nota: A Selic 2023 (http://selic.gal) está tendo lugar aínda cando isto escribo. Desenvólvese entre o 9 de o 18 de xuño, e a máis da mostra de libros, aglutina actividades como varios paseos literarios, na procura de plantas, maxia ou escultura, en ou fóra de Compostela, con lecturas dramatizadas, charlas, sinaturas ou contacontos -moitas deles gravadas e dispoñibles na súa web-, sen faltar por suposto algunhas notas musicais ou talleres para os máis pequenos.

Ningún comentario: