Nós, os cans de Pavlov
Nota previa: Hai máis dun século, Iván Pavlov fixo un célebre experimento con cans: asociando, un certo número de veces, un son de campá á presentación de carne a un can, remata adaptándose, co que a badalada (aínda sen presentación da comida) determina a salivación no can. Compórtase así a causa dun reflexo condicionado provocado artificialmente.I. Pavlov (imaxe no D.P.)
Tan superiores e tan normaliños. Non só nos consideramos 'máis' ca outros animais, senón tamén, moitas veces, entre nós hai quen se considera 'máis' (por exemplo, con máis dereitos). E iso que chega con dar unha pequena ollada arredor e facer que a cabeza traballe unha miga para borrar calquera superioridade. Poñamos por caso, superioridade en relación a un inmigrante ilegal subsahariano ou a un dos chamados menas (si, ese despectivo que só é o acróstico de menores non acompañados). Canta xente dos que os critican e desprezan tería aguantado a súa situación, primeiro na 'súa' terra e logo na 'nosa' terra na procura dun futuro non atopado? 'Súa' e 'nosa' como se a Terra fose diferente para uns e outros, por moito tamén que ás veces haxa xente que se empeñe en facer como se viviramos en mundos diferentes. Mentres, esa mesma xente -deixémonos de eufemismos: nós- desbloqueamos unha media de 150 veces o día o noso móbil 'intelixente'. 150 e aumentando, porque como o can de Pavlov téñennos afeitos a salivar, léase xerar ansiedade, na espera dunha recompensa ficticia en calquera rede social.
Parece mentira. Tan superiores... como os cans. E iso, como moito, porque habería que meter na ecuación o que ao menos os cans non parecen sentirse superiores, co que non estarían enganándose a si mesmos, e polo tanto, terían unha avantaxe nesa comparación pola superioridade.
Hai pouco recomendáronme o libro de Marta Peirano "O inimigo coñece o sistema", e, sen ir máis aló, pasando a vista por algunha das súas páxinas, chégase a máis de dúas conclusións. Máis de dúas porque ao menos as dúas primeiras son de caixón. A primeira, a autora coñece o sistema, e xusto despois, que hai que agradecer a quen o recomendou. As outras necesitarían máis tempo para analizalas, entre estímulo e estímulo, con ou sen recompensa efectiva como no caso dos cans de Pavlov, restando momentos de atención ós chíos do móbil ou ó último ocorrente vídeo da tendencia que sexa que esteamos a seguir.
Cada quen pode converterse, e estar a gusto séndoo, nun can de Pavlov. Moitas veces, a grande maioría, sen ser conscientes desa dependencia dos estímulos que nos levan a consumir máis, sexa azucre para o corpo ou gasolina para o auto, ou a votar contra o que beneficia á maioría. Iso, por moito que a se a maioría sae beneficiada, a sociedade e nós -'o votante'- saímos beneficiados, aínda tendo en fronte aparentes prexuízos, case sempre materiais, que son os máis doados de representar e de aplicar o condicionamento correspondente, porque nos levan a crer que os 'seus' intereses son os 'nosos' (e que por iso mesmo, estamos 'coa maioría' e por riba dos demais).
Os cans ('de Pavlov' ou non) non se sabe a consciencia que teñen da situación, pero recoñecen ó seu amo. No caso dos humanos o condicionamento está a facerse de tal xeito que descoñecemos quen son os amos, ou ben non os identificamos con esas persoas que teñen capacidade de selo e a quen seguimos. Mesmo, ás veces, hai quen se ven a máis e se sinte como amo, como instigador deses cambios que lograba Pavlov, como xefe. Aínda que siga a ser, máis aínda ca outros, na súa inconsciencia, un can de Pavlov, condicionado por un Pavlov que non é capaz de recoñecer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario