O descanso dos cidadáns
Chegaron as vacacións e a hostalaría frégase as mans. Os concellos son permisivos e os cidadáns as súas vítimas. Até o "señor costas" tan pomposamente presente e sancionador co que no inverno "invade os seus dominios en praia deserta" mira para o horizonte mariño, e así nin está nin se lle espera ante autocaravanas que aproveitan calquera espazo para porse ao seu antollo, mentres ao cidadán aborixe do lugar sanciónao con expedientes de varias páxinas ás que un funcionario dedica toda a súa xornada laboral para fincarlle castigo ao infractor.
Aínda que sexa verán e tempo de asueto festivo, as boas xentes, até os veraneantes, teñen dereito ao descanso. Pero para tal saudable costume precísase o silencio. As autorizacións de locais deben levar garantías de non exceder os decibeis que son a insoportable contaminación sonora. A que non deixa durmir ao persoal que busca a paz, o acougo e o silencio ao que ten dereito.
Lamentablemente, a pandemia a máis de coller de improviso a moitas autoridades, algunhas incompetentes tal como estamos a ver nos estudos retrospectivos sobre o particular, abriu con xenerosidade a man da permisividade. As terrazas ao aire libre para evitar a destrución de actividade económica e laboral. Pero... diso xa pasou o tempo. Até as máscaras foron eliminadas en centros socio sanitarios. O que se quedou é ese espazo fonte de ruído que son as terrazas que ocupan prazas e amplían non só o seu espazo, tamén o seu horario e desde logo as fontes de son pegadas ás paredes exteriores das vivendas co que nada máis porse o sol, convértense en bafles con música que ademais dan lugar a esas vibracións propias do moderno formulario musical ao uso, coa desesperación das familias que se crían chegar á península da paz.
Chaman á Garda Civil e con razón legal -algúns axentes ignórano- din que a competencia é municipal e por tanto das policías locais. Así que o sufrido contribuínte está nas mans do chigrero de quenda que anima co seu Reggaetón ou Bachata aos usuarios das terrazas, alegres e combativos dispostos a recibir a luz da alba en pleno dislate onde a voz humana sumada á música do Caribe é ambiente de liberdade.
Ah!. Non se perdan vostedes a invasión das autocaravanas. Son un espazo móbil que se puxo de moda para facer turismo no medio da natureza. Pero... en que condicións ? Amontoados cuan campamento palestino ? Ocupando as prazas de aparcadoiro habitual ao redor dos edificios onde habitan os contribuíntes con dereitos e deberes ante a autoridade municipal? Non será preciso e obrigatorio establecer uns límites que garantan a comodidade e hixiene duns e outros? As vacacións de verán ademais de ser para as bicicletas son tamén para garantir o respecto aos espazos marcados polo concello que é a primeira autoridade responsable de todo o devandito antes neste escrito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario