Un ser especial
Dise que a historia da Física é un exemplo de como a xente deixamos pouco a pouco de mirarnos o embigo. As ideas pasaron ó longo dos milenios de pensar en leis físicas que rexían para o mundo e outras leis que rexían para nós a pensar en outras que rexían para o noso entorno terrestre e outras para o resto do universo, os 'ceos' daquela apenas entrevistos. Foi un primeiro cambio, para logo ir unificándose unhas e outras e constatar que o que nos afecta a nós tamén afecta a alguén poda estar xirando arredor de Sirio ou a unha rocha dun planeta na Galaxia de Andrómeda. Así parece unha evolución que pasou de ser considerada cada cousa (incluídos nós como cousas) como algo especial a ser todo (incluídos nós) o mesmo, constituído de materia semellante e ó que se lle aplican leis iguais. Parece ser algo semellante, mais o resultado é completamente diferente. A partir de pequenos detalles, mesmo por circunstancias mínimas. Un único grao Celsius de diferencia e atopamos, ben auga quente, ben vapor desa mesma auga. Uns centímetros máis aló ou acó significan estabilidade sobre unha rocha ou a morte no fondo dun precipicio. Atravesar unha estrada uns poucos segundos antes ou despois pode significa ter un accidente ou seguir tranquilamente o camiño ata o destino. E así sucesivamente.
De cativiño é normal sentirse especial. E como especial, sinxelamente, aplicar os particulares criterios de cada quen, axustados en cada momento por exemplo para considerarse o mellor, ou case. En todo. E crer en consecuencia que se en algo son mellores outros, é sinxelamente porque aínda se é pequeno, ou porque unha casualidade momentánea lles impediu ser o mellor naquel instante. Ou ben, que a categoría correspondente non existe ou non paga a pena que exista para un mesmo. De todo iso non fai falta ser moi consciente: 'é' así e listo: o que non cadra, non se considera. Lembro unha anécdota de arredor dos dez ou once anos. Un compañeiro ó que normalmente ganáballe ó xadrez propúxome xogar 'co título en xogo'. Deuse a casualidade de que unha desas partidas 'xogándonos o título', perdín. O compañeiro non volveu 'poñer o título en xogo', e aínda que seguín a ganar a grande maioría das partidas que xogamos, el sempre foi o campión de aí en diante... claro que ó pouco tempo, sen motivo aparente pouco a pouco deixamos de xogar.
Naturalmente, co tempo, imos tomando conciencia e esa sensación pasa. Ó comezo, de xeito veloz, ó medrar imos decatándonos de que si, somos seres especiais, pero noutro sentido. E logo pouco a pouco, tamén de que si, especial, mais iguais de especiais que calquera outra persoa. É unha evolución persoal que se axusta ó dito no primeiro parágrafo. E se non se chega a considerar a igualdade de especiais, é que o proceso non está completo, que 'falta un verán'.
O vello Aldous Huxley, en Un Mundo Feliz ('Brave New World') xa deixou caer nas súas páxinas que un experimento con xente 'mellorada', unha sociedade constituída só a partir de xente dese xeito, tería sido un fracaso... ou sexa, que no mundo 'ten que haber de todo'. Máis ben, diría, hai de todo. Sinxelamente. E iso inclúe as 'razas' (que a nivel humano non son tal, senón diferentes cores de pel nunha mesma raza, a humana), os sexos (diferentes si, pero no sentido de 'viva a diferencia!), o mesmo que outras diferencias, de proporcións ou intelixencia a costumes e ideas.
Aínda que só fose polo anterior, o pretender mandar sen permitir participar ó resto, sería unha mala idea a máis dunha mala praxe: quen o fixera estaría gobernando só para si mesmo. Como moito, algo para o seu entorno máis próximo, de familia, amizades ou intereses, deixando ós demais sen solucións, e polo tanto, á sociedade correspondente sen solucións e con sometemento. Unha sociedade da que se beneficia e sen a que non sería humano. Dende o nivel local ó internacional, cada quen na súa escala. Hai xente á que nin se lle pasa pola cabeza. Mesmo en día de reflexión preelectoral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario