20230710

Vir mexar a Ribadeo


Vir mexar a Ribadeo

     Se estou a escribir isto é porque a festa do Ribadeo Indiano, a 'festa dos indianos', é un éxito. Un éxito sen paliativos, ollable claramente ó conseguir o obxectivo para o que foi creada: atraer xente a Ribadeo para beneficio de hostalería e comercio. Non sei se a finalidade, con esas ou outras palabras, está escrita nalgún lugar, pero coido que non fai falta, e que hai un consenso sobre o tema. Tres autobuses cargados de 'indianos' desembarcando o domingo ás 11 da mañá diante do instituto non deixa de ser un feito máis que dá testemuña a ese éxito, como o é o atopar nunha ateigada terraza de preto de vinte mesas que as caras coñecidas cínguense a unha única táboa, e non precisamente a máis ateigada delas. Ou, o que pode que me chamara máis a atención e dá pé ó título, unha fileira de mulleres para entrar ó baño dun local de hostalería, mesmo antes de que se encheran as mesas. Si, fileira que nalgún momento andaba pola decea. Todas, gastando tempo da súa visita a Ribadeo na cola, máis ou menos ataviadas de época, e con abonda probabilidade, algunha non consumidora. Fago este último apuntamento porque hai que lembrar o que estamos a falar dunha festa pro consumo, e o éxito citado ó comezo pode verse matizado de moitos xeitos se comezamos a poñer en claro o gasto por persoa, o 'rendemento' que se pretendería desas visitas por parte dos organizadores, unha vez a xente en Ribadeo, etc. A máis da infraestrutura que pode ofrecer Ribadeo, unha vez amosada a capacidade de organización de atraccións para o evento.

    A temperie acompañou: a temperatura foi tropical. Mesmo as flores que se poden observar nalgúns tellados pareceron querer contribuír ó ambiente festivo. E así, diría que este Ribadeo indiano 2023 ten -recibimos- máis xente que os anteriores, nunha espiral ascendente que si terá que ter fin polo límite que supón a capacidade de acollida de Ribadeo. Ó tempo, diría que a implicación dos propios ribadenses foi menor, aínda orgullosos da montaxe desta festa tan exitosa á par de glamourosa. Isto pódese traducir -ou ser unha indicación do por que- nunha baixada do glamour (de novo esta palabra, para entendérmonos, e non liala con 'custe', 'remate', 'beleza' e semellantes) que se puido observar nos vestidos. Máis aínda, no non 'poñerse en situación' da xente ataviada de indianos: o hábito (traxe) non fai ó monxe se do uso dun só día se trata e non do hábito (costume) como vivencia dunha festa que se pretende diferente, característica, e non un baile de disfraces. Non se trata só de disfrazarse, como tampouco se trata só de vir mexar.

    Os emigrantes pobres? Eses non entran na festa.

Ningún comentario: