Imaxe da Galipedia. Lic. CC BY SA 4.0 |
NESTLE ANTES QUE NESTLÉ
A multinacional agroalimentaria suíza con sé na cidade de Vevey chamouse Nestle antes de afrancesarse en Nestlé. O nome da empresa é o apelido do seu fundador, o farmacéutico alemán Henri Nestle, apelido que significa “niño de paxaro”, de aí o logotipo da súa imaxe corporativa. Hoxe, máis de 150 anos despois da súa fundación, está presente nuns 200 países e conta con case 350000 empregados. O seu primeiro produto estrela foi o leite condensado, daquela chamado “fariña lacteada”. A súa creación naceu como alimento en conserva necesario para combater as altas taxas de mortandade infantil da época.
A España chegou en 1905, en concreto á localidade cántabra de La Penilla de Cayón. Na Galiza instalaríase en 1939 en Pontecesures, ás beiras do Sar na súa confluencia co Ulla para formar a ría de Arousa. Cando eu residía por aqueles lares tan rosaliáns podo dar fe de que polas chemineas das súas instalacións non saía precisamente un matinal e caseiro arume a leite fervido senón máis ben un pestilente cheiro a repolo podre que competía en intensidade co da veciña fábrica madeireira de Finsa.
Dentro do grupo Nestlé hai marcas tan recoñecíbeis para todos nós como La Lechera, Nescafé, Nesquik, Sveltesse, Buitoni ou KitKat. Na década de 1960 chegarían tamén os produtos culinarios procesados de Maggi e os surtidos de xeados. Dez anos despois os ultraconxelados e a partir de 1980 os cereais, a salsa de tomate fritido Solís, as potaxes en lata Litoral e os alimentos para mascotas Friskies. Tamén aparecerían os envases tetrabrick de leite pasteurizado e o uso do leite condensado para hostalaría e repostaría. Co cambio de século introduciría no mercado o café en cápsulas Nespresso.
En relación cos seus milleiros de proveedores na nosa terra, Nestlé converteuse en pioneira na recollida de leite e materias primas no agro galego, colaborando deste xeito coas explotacións hortícolas e gandeiras a un certo desenvolvemento do rural, pondo ao seu dispor toda a súa punteira tecnoloxía e os máis avanzados servizos e sistemas agropecuarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario