20230829

O empresario ribadense Manuel Lens Úcar. Chemi Lombardero Rico

    Deixo o apunte biográfico de Manuel Lens realizado por Chemi Lombardero (saiu na Comarca del Eo de 19 de agosto). Non aparece en Ribadenses destacados, pero vai nesa liña. 

O empresario ribadense Manuel Lens Úcar

Chemi Lombardero

Ribadeo nos últimos séculos non se caracterizou pola abundancia de veciños emprendedores. Houbo poucas persoas con iniciativa empresarial dun certo nivel, agás as que marcharon a América. Alá si, en América moitos ribadenses despregaron xenio e desenvolveron negocios diversos cos que transformaron as súas vidas e as das súas familias. Mais en Ribadeo parece que se fai certo o dito de que ninguén é profeta na súa terra e ata agora foron persoas de fora as que levaron adiante a maior parte dos proxectos económicos de certa envergadura.

Ibáñez, Bengoechea, Casas, Lazúrtegui e Nistal son os principais apelidos forasteiros que xeraron emprego e riqueza en Ribadeo nos dous séculos anteriores.

Nun seguinte chanzo, no que atinxe á importancia económica, houbo no século XX varias empresas ribadenses nos sectores da conserva, da carpintería de ribeira, las, comercio do téxtil, armadoras pesqueiras, entre outras, que tamén foron iniciativas de persoas vidas de fora.

Nesta relación de empresarios aveciñados salienta a personalidade de Manuel Lens Úcar, fillo de un ferroviario xefe de estación, que naceu en Santiago de Compostela o 28 de agosto de 1906, pero que se criou en Vilagarcía de Arousa. Lens chegou a Ribadeo probablemente a finais de 1935, xa con experiencia empresarial previa na industria conserveira e a administración de salas de cine. Estaba casado con María Teresa de Dios Francos, e cando a súa arribada a Ribadeo xa tiñan as dúas fillas, Maria Teresa e Rocío. 

Ao pouco de chegar colleu o aluguer do Cine Teatro que se inaugurou nesta nova etapa o nove de febreiro de 1936. En Ribadeo houbera cine con outros empresarios desde 1912. Lens reformou a sala do vello Teatro retirando os palcos do patio de butacas. Mantivo a explotación do cine durante catro décadas. Nos anos sesenta Manuel Lens tiña os cines de Vilalba e Guitiriz, ademais do de Ribadeo e de participar no cine das Figueiras. Tamén participou un tempo na xestión do cine de Castropol.

Axiña emprende novo negocio pedindo permiso en marzo de 1939 á Delegación de Industria de Lugo para instalar unha fábrica de conservas de peixe en lata na Vilavella. Desde o comezo forma sociedade con Fidel Garcia Gayol. O edificio onde se pon a nova empresa era un pouco anterior a 1880; xa fora fábrica de salgado desde 1900 e serra de madeira a vapor nos anos finais do XIX. A conserveira de Lens e García, na que traballaron ducias de mulleres, pecha antes de 1960. Por eses anos van desaparecendo este tipo de conserveiras que que ao igual que outros negocios -serras, fábricas de gasosas, estaleiros, fábricas de confección, etc.-, teñen que adaptarse aos cambios tecnolóxicos, de emprego e de comercialización. Por entón pechan en Ribadeo as fábricas de conserva a Trocha e Peláez

O edificio da fábrica da Vilavella tivo posteriormente outros destinos con outros empresarios. Manuel Lens e a súa familia ocuparon durante algún tempo a vivenda do piso alto da fábrica. Despois viviron moitos anos na Torre dos Moreno.

O espírito emprendedor de Lens non acouga e polos anos corenta abre o comercio bazar La Florida na rúa Reinante, que logo traspasa. En 1944 co seu socio Fidel Garcia, constrúe dous pesqueiros na explanada da propia fábrica da Vilavella. 

Botadura dunha embarcación en 1944. De esquerda a dereita, Ramón F. de Soto (Director de 'La Comarca'), un cura, Fidel García, Galuá (párroco), Francisco Maseda, outro cura, e Manuel Lens.

Uns anos despois, en 1952, a súa inquietude lévao a outro proxecto e manda facer dúas bateas para probar o cultivo de mexillón no norte de Galicia, que fondea en Ribadeo entre as Carrayas e Gibraltar, unha delas, e a outra na Ría de Viveiro.

Fábrica dunha batea na Vilavella para Lens e García

 Chegou a comercializar mexillóns e incluso editaron un recetario para cociñar o mexillón co que acada dúas edicións. Pero o noso mar non contén os nutrintes que abundan nas Rías Baixas, e a empresa Mejillonera del Cantábrico, na que tamén participou Fidel García Gayol, non resultou rendible.

Recetario de Mejillonera del Cantábrico

Ao redor de 1960 e xa pola súa conta, sen a colaboración do seu habitual socio Fidel -quen por ese anos vaise a vivir a Lugo-, emprende un novo negocio: a fabricación de viguetas e prefabricados de cemento para a construción no Grañol de Ove. Lens traballa inicialmente coa patente da casa Yus. Alí exerceu varios anos como capataz Julio Blanco, fillo de Pío, que logo pasou a ser axente comercial dos produtos da casa. 

En 1963 Manuel Lens pon en marcha no mesmo lugar do Grañol, ao lado dos prefabricados, unha granxa de galiñas para a produción de ovos que chegou a ter 27 000 aves e comercializar os ovos en Asturias e Galicia. A dirección desta empresa estivo en mans de Luis Prada de Torres, xenro de Lens. A granxa pecha ao redor de 1985. Lens tivo participación noutra granxa de pitas na Coruña.

Prospecto anunciando Rosa Lar


Paralelamente, noutro campo empresarial sen o carácter industrial dos anteriores, mais de non menos importancia económica para a vila, Manuel Lens abre en 1946 a sala de festas Rosa Lar, con pista de baile ao ar libre, que pode utilizarse como pista de tenis, salón cuberto, cafetería, cociña, xardín, etc, que durante moito tempo foi o centro de atracción para bailes, espectáculos ou celebracións dunha ampla área da contorna ribadense.

Sala de Festas Rosa Lar, praza o ar libre.


Con todo, a empresa máis transcendente para Ribadeo, pola súa duración no tempo e o emprego que xera, é a fábrica de prefabricados de formigón Tubolens fundada en 1977 no lugar de Dompiñor. Tubolens é unha continuidade da modesta fábrica de prefabricados inicial do Grañol. E proba do seu carácter de emprendedor excepcional incansable o feito de que Manuel Lens puxo en marcha esta nova industria con máis de setenta anos de idade. En Tubolens chegaron a traballar varias decenas de persoas e contaba cunha oficina con aparelladores e delineantes que facía deseños e cálculos para os clientes.

Na última etapa da súa vida, Lens compartiu a residencia en Ribadeo con Lugo e Coruña. Morreu en Ribadeo o 20 de novembro de 1982. 

Como adoita ocorrer con moitas empresas persoais, a obra industrial de Manuel Lens non tivo continuidade nas seguintes xeracións da familia. Con todo, dúas das súas creacións, Rosa Lar e Tubolens, mantéñense vivas despois de tanto tempo, como probas da iniciativa dun dos principais empresarios ribadenses do século pasado. 

Lens era unha persoa de bo carácter, considerado cos traballadores, pois pensaba que o obxecto dunha empresa non só consistía no máximo beneficio empresarial. Da súa xestión gardan boa lembranza moitas das persoas que para el traballaron.

Chemi Lombardero

Ningún comentario: