20230817

Ruta das Pedras da Memoria en Ribadeo


     Hai un ano xa que tivo lugar a colocación das 'Pedras da memoria' en Ribadeo. Pouco despois, o concello editou un QR con indicacións para atopalas, para atopar lugares asociados os represaliados e represaliadas, pero estimo nel dificiencias. Así, dúas delas aínda non as din localizado despois dunha procura cunha certa amplitude. Por iso se me ocorreu, primeiro, facer a xeolocalización, e logo, máis sinxelo e atraínte, o realizar esta ruta, a ruta das pedras da memoria, que colguei en wikiloc na súa versión 2 (polo momento) para quen quera darse un paseo diferente por Ribadeo, que complemento co artigo 'Fotografando as pedras da memoria' e agora comento. 

                - Nota 20230817, 18:45: dende a publicación desta entrada, dúas persoas me enviaron máis datos, co que espero, nos próximos días, ter unha nova versión en wikiloc, e a modificación dalgunha cousa desta entrada-.

                - Nota 20240303: Nova versión da ruta en https://www.ribadeando.com/2024/03/ruta-das-pedras-da-memoria-de-ribadeo.html

    É unha ruta de algo máis de dous km e con dificultade de paseo, aínda que haxa que subir algún desnivel.

    A ruta comeza e remata no centro da Pza. de España, no lugar no que foron colocadas a maioría das pedras, correspondendo a aquelas persoas relacionadas con Ribadeo das que non se teñen datos precisos para situar a súa casa ou lugar de traballo. Polo paseo central, cara ó norte, chégase á casa do Cubano, diante da que, pegada a unha columna, hai locada a primeira das pedras individuais.

    Pasando despois por diante do Cantón e baixando pola rúa Ibáñez, bordeamos a gardería e pola travesía da Rúa Nova, chegamos ó calexón de Cabanela. Baixando, diante da última casa á dereita, atópase a pedra seguinte.

    Podemos continuar cara a Cabanela e subir polos antigos soportais cara a Ibáñez e logo por Méndez Sanjulián, Trinidade e Vispo Veres chegar á seguinte parada, diante da segunda casa á dereita segundo se baixa Amando Pérez. Para chegar alí tamén se pode dar a volta por Cabanela e subir pola Atalaia, mesmo aproveitando o ascensor.

    A seguinte pedra, diante do 31 de Antonio Otero, pode verse seguindo polos escalóns continuacion de Vispo Veres e baixando un pouco.

    A seguinte máis, baixando de alí a Porcillán, está no medio das casas do pequeno altiño que se titula como Peirao de Porcillán, xusto cando se accede a diante da nº 5.

    Subindo cara a Guimarán, no alto, poderíase atopar a seguinte pedra, se ben non está marcada no recorrido, que xa con pouca inclinación, toma a rúa San Miguel para irnos achegando, pola Fonte nova, Calexón do Pai Sarmiento e Viejo Pancho, a Enxeñeiro Schulz, que practicamente no seu centro ten catro pedras colocadas.

    Subindo por Amando Pérez ata a travesía Álvarez de Miranda, chegamos ó cruce das catro calles, de onde sae Rodríguez Murias, que diante do hoxe solar ó que lle corresponde o número 24, ten a seguinte pedra.

    Retrocedemos e na esquina das catro calles que dá a Rodríguez Murias e Reinante, atopamos outra máis.

    Por Reinante, atravesando as galerías, chegamos á rúa san Francisco, onde, torcendo á dereita, se atopa a seguinte pedra.

    Retrocendendo para pasar por diante da igrexa, bordeamos o parque e chegamos ó Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro. Ó pé do poste turístico indicando que é ese edificio, atópase a última pedra reseñada en Ribadeo.

    Só queda retornar á praza de España e, diante do conxunto das pedras alí instaladas, reflexionar sobre o conxunto de mulleres e homes reseñadas no paseo e os feitos da nosa historia.

Ningún comentario: