20230824

Un ciclista sorrinte

 Un ciclista sorrinte

    Dende onte, un ciclista que sucaba Ribadeo sorrinte, xa non o fai.
    Secundino, Secundino Balsa Rodríguez, xunto coa súa muller por moitos anos pescadeiro no mercado de Ribadeo, morreu subindo dun dos seus lugares favoritos, o peirao.
    Amable e afable, transmisor de optimismo, deportista cun sorriso non só sobre a bici, senón na vida, eran características súas. Na bici, en triciclo ou a pé, os últimos tempos cos netos, esa é a lembranza que me queda de Secundino, a súa figura por Ribadeo adiante. Unha figura non só familiar, tamén agradable e vital.
    Atrás queda o seu facer o camiño a Santiago con outros compañeiros nunha mañá, antes da misa do apóstolo. Ou as súas repetidas subidas á festa da Ponte de Arante, xa unha institución dentro dela. Ou o seu ánimo no antroido, cun disfrace recoñecible, como dicindo ‘aínda que me disfrace, non podo evitar ser eu’. Ou múltiples outras cousas que se poderían engadir. En xeral, pequenas, que era de festas, pero non procuraba a algarabía se non saía de por si.
    Un naufraxio na súa ría non puido con el. Esta vez foi el quen non puido. Descanse en paz.
G.Gómez e A. Gregorio

Ningún comentario: