O pregón das festas da patroa 2023
Ribadeo está en festas. O programa das festas patronais de Ribadeo 2023 está na rúa. Onte foi o pregón. Nun cine-teatro ateigado unha mesa no escenario ocupada polo pregoeiro, José Carlos Rodríguez Andina, exalcalde, exdirector de instituto, exdeputado provincial, flanqueado polo novo alcalde e o presidente da comisión de festas, entrou en escena introducida polo televisivo e noso presentador Fabián Pérez., que sabe de que vai o tema, a máis de por instinto e profesión, por ter dado el mesmo o pregón no 2019. Todo é mentira, di o título do programa de televisión que Fabián dinamiza, mais a ocupación do salón e o comezo das festas non foi un engano visual. Coido que nas redes do mesmo Fabián (Instagram, Facebook, LinkedIn...) ou nas doutras persoas hai material abondo para ilustrar o acto de onte, polo que me limitarei a algún detalle. De segunda man, pois non estiven presente no acto. A foto que deixo é de Celia Castro.
A imaxe parece contradicir que o cine-teatro estivera cheo. Todo é mentira. É pois unha homenaxe á persoa de Fabián, que fai de prestidixitador coas súas verbas. A mesa, pequeniña, ocupando o centro detrás de Ribadeo, é 'dirixida' por Fabián, de pé, lixeiramente a unha beira. Mentres, Ribadeo non se ve, mais síntese a súa presencia nunha escea na que pola súa vacuidade, pode acoller calquera cousa, calquera cousa pode pasar. Mais para lembrarnos que a escena idílica, perfecta, está encadrada na realidade, as manchas do teito do teatro devólvennos a un día a día máis prosaico.
O pregón de José Carlos lembrou as vellas festas con nostalxia dunha xuventude compartida con boa parte do público asistente. A intervención de Fabián na súa presentación do pregoeiro introduciuno poñendo na mente dos asistentes un feito do período de José Carlos como alcalde, do que hai lembranza nos xornais en papel: a petición dos cativos (Fabián entre eles) para que lles deixaran xogar no recuncho cementado ó pé da igrexa, que deu lugar a unha recollida de sinaturas e, na súa presentación na alcaldía, a unha foto cun novísimo Fabián sentado ó carón do daquela alcalde.
O acto rematou con música: A Tuna (de fóra) e a Coral Polifónica de Ribadeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario