Sobre a presentación de 'En Brandán'
Á mesma hora que en Ribadeo estaba a ter lugar o recital poético que daba inicio formal á homenaxe a Xusto Moreda (a exposición levaba aberta xa un par de horas), e que tiñan lugar os últimos movementos da Media Maratón Ribadeo - As Catedrais deste ano, como tamén estaba anunciado, presentouse o último libro de Lucía Ferro, 'En Brandán'.
Dos outros eventos iremos falando. Vaian agora unhas verbas sobre este último acto.
Lucía Ferro, entre Daniel García, concelleiro de Cultura de Barreiros (á nosa esquerda), e Suso Fernández Acevedo, profesor e estudoso do galego (á nosa dereita). |
É raro que nun acto deste tipo se teñan que completar máis asentos, mais foi o que pasou este sábado, cando as 25 cadeiras dispostas quedaron escasas. Boa parte dos asistentes era a primeira vez que entrábamos nunha biblioteca que se pode cualificar de pizpireta e acolledora, a B. Pública de Barreiros.
A introdución a cargo do concelleiro, curta, resaltou orgullo por dar acubillo á presentación dunha segunda obra dunha filla do concello, presentada ademáis por un estudoso publicado da lingua galega e profesor recoñecido non só por el, senón tamén por Lucía.
Síntoo, a gravación do son que fixen desboteina sen querer, co que non podo precisar as verbas ditas como quixera, senón que só podo fiarme da miña memoria, polo que non me estenderei. E así, dicir que Suso Fernández fixo unha presentación que chamaría académica na que resaltou a claridade da lingua (naturalmente, a intriga necesita de puntos obscuros, pero iso é outra cousa), o progreso dunha escritora que segue dende nova ou a visión que lle dá a formación como enfermeira e a aplicación da mesma na primeira novela ó mundo das farmacéuticas e nesta segunda en relación ó que soe denominarse como enfermidades mentais.
En canto ó dito por Lucía, centrou o libro de xeito inequívoco nunha vila galega que se diría xenérica, mais cunha xenericidade feita de particularismos. Explicou, ata onde podía, en que consiste a intriga do libro. Comparou os dous libros dos que é autora, non só por temática ou tamaño da obra ou tempo adicado, senón tamén pola aprendizaxe que foi aplicada e a que supuxo para ela.
Remátame de chegar a ligazón a un vídeo do acto que tomou José Manuel Ventoso. Unha vez escritos os parágrafos anteriores, prefiro non borralos, e que quen quera, compare a miña percepción e memoria co captado polo vídeo. Asemade, deixo un audio da charla, complementario co anterior.
Vídeo: https://fb.watch/n852SEBV93/
Audio:
https://www.podcasts.com/ribadeando-3a91407da/episode/sobre-a-presentacion-de-en-brandan
Ningún comentario:
Publicar un comentario