20230908

Un chío polo dia da patrona: Chío baixo o Sol

    Vexo no día da Patrona o mensual dixital de Lugo Sempre, o Chío nº 22, correspondente a este setembro. Abrino como un agasallo de Chío polo día grande das festas de Ribadeo, e así deixo a ligazón a el. A miña contribución para este número nun novo día de calor: 

--

Chío baixo o Sol


    No verán os lagartos van máis rápidos. Todo o demais, enlentece. Avanza agosto, pero non avanza a gosto de todos. Días magníficos de praia produto de temperaturas extremas acompañan á seca a diario e nos medios, mentres se prodigan as novas de que as alarmas climáticas están a saltar unha detrás de outra. Visto dende setembro, haberá quen considere un alivio o deixar o tempo máis cálido do ano, sen considerar que ten todos os boletos para repetir o próximo verán, ou, esquecéndose da temperie, quen pense que pasou xa a tempada na que gaña cartos e veñen tempos tranquilos de vacación ou case, ou pola contra, sinxelamente que xa remataron as vacacións. Mesmo hai quen, hoxe, metade de agosto, e aínda pensando en procurar un tempiño para a praia, está negro porque o bo tempo non lle permite vender ó ritmo que quixera na súa tenda, á que non acoden os turistas por pasar os días na area.


    Pode ser deprimente seguir a falar do clima: non deixemos o cambio climático, senón sinxelamente tentemos actuar na nosa medida e desfrutemos mentres do que temos. Somos humanos e é necesario para a saúde e equilibrio da mente. Entra do menú no meu caso unha arboreda tupida baixo a que desfrutar dunha temperatura agradable. Un bañiño na ría a última hora da tarde para despedir o dia. O paso por unha terraza a darlle un pouco á conversa. Interiorizar os xogos de luces e sombras no fondo verde e algún que outro tono amarelo ó longo do día, aínda que soe ser máis doado e aproveitado ás primeiras horas. Escoitar o son dos paxaros cun libro nas mans e un caderno á beira. Un pouco -só un pouco- de dolce far niente. Algunha visita a un lugar por primeira vez, mesmo aquí, á beira, descoñecido ata o de agora na súa sinxeleza. En fin, a vida que permiten o que se segue a chamar bo tempo, e un pouquiño de sorte (saúde, posibilidade de vagar, ...).



    O castaño ten xa as púas colocadas mentres no seu interior, á súa protección, vai medrando o froito. As amoras? Algunha xa está no seu punto e un pequeno paseo pode facer as delicias do padal. O saír polo campo non se contrapón coa praia, senón que se complementa. O que podemos discutir é sobre a preeminencia dun ou outro lugar. Para gustos hai cores. En Ribadeo, na Mariña, en Galicia, pódese.

Ningún comentario: