Mural sobre as asasinadas 13 Rosas en Gandía. Foto de Francesc Fort para Commons.Wikimedia.org con lic. CC BY SA 4.0
AS MILICIANAS DE RIBADEO
As Milicianas foron aquelas mulleres que apoiaron e pelexaron no bando da democrática II República Española contra os golpistas franquistas. Foron mulleres desprezadas e moitas delas represaliadas polo xenocidio fascista tanto durante a Guerra Civil que comeza o 18 de xullo do 1936 como despois de declarado o final da guerra aquel sábado 1 de abril de 1939.
Aquel xenocidio da posguerra, nunca o poderán esquecer os familiares que sufriron as perdas de seres queridos, e que os nosos maiores nos contaron para que non permitamos que aquela masacre sexa repetida daquela maneira tan cruel, inhumana, brutal e desprezable.
Creo que durante a guerra o dano que se lle fai o inimigo que loita contra de ti, sempre é cruel e bárbaro, pero o bando que o infrinxe chámalle “patriotismo”. O peor da Guerra Civil Española non estivo na fronte, nas trincheiras, non, o peor da Guerra Civil foron as felonías da retagarda, denuncias feitas por veciños contra veciños. Eu estiven navegando con iugoslavos, e un electricista croata contábame barbaridades que ocorrían durante a súa guerra (1991-2001) e o peor non eran as accións de combate no fronte, senón as barbaridades cometidas na retagarda entre veciños de porta con porta.
O réxime fascista de Franco denigraba todo canto podía a imaxe da muller miliciana, tanto das que participaban na guerra empuñando un fusil, como das que estaban na retagarda axudando en mil tarefas humanitarias. A imaxe da muller para fascistas e falanxistas era unha exaltación da submisión, aquela idea de submisión que proviña dos exércitos ancestrais, o papel da muller tiña que ser simplemente “o repouso do guerreiro”. Cousa que nunca foi propiamente certa naqueles exércitos, pois aqueles guerreiros pelexaban de sol a sol durante días ou meses, e a muller era a compañeira do guerreiro, a que o coidaba entre os intervalos da guerra, a que o curaba das feridas, e a que o compracía tamén, pois eles amaban e querían ser amados para despexar a mente e poder seguir pelexando ao día seguinte.
Pero na Guerra Civil o desprezo fascista cara ás mulleres milicianas era obvio, había que atemorizar aos “roxos” con castigos exemplares cara as súas mulleres, humillar ás mulleres era humillar máis aos homes, aos fillos e a toda a familia. A brutalidade e a crueldade máxima era exercida tal cal o fixeran no seu día con “bruxas e meigas” o fato de cans inquisitoriais dos Torquemadas.
Menos mal que aquí en Ribadeo non as queimaban nunha estaca chantada no chan á saída do pobo para que non atufaran có cheiro que desprendían as fogueiras á poboación da vila amurallada. Quizais aquela estaca estivera chantada nalgún tempo entre a capela da Virxe od Camiño e a capela de San Lázaro, por aquelo de deixar unha esmola nos cepillos das ánimas do Purgatorio, lugar do infra-mundo hoxe en día abolido por un decreto do Papa Benedicto XVI. O que hai que ver e oír agora de vello!!, cando eu xa non cría en nada desde que tiña 13 anos, despois de ler “O Xudeu Errante” de Eugenio Sue, agora danme a razón de que non son de crer tantas paparruchadas.
Aquí en Ribadeo non houbo nunca fronte de guerra, pero había “roxos” que foron represaliados, fusilados e paseados por pseudo-tropas franquistas armadas que obraban con total impunidade. E por suposto, había milicianas de retagarda, mulleres “roxas” que non calaban os seus principios republicanos e democráticos nin debaixo da auga. Foron apresadas e levadas á cadea onde lles practicaban un “hábil interrogatorio” entre gritos espantosos e labazadas sen cuartel durante horas ou días, e logo remataba a crueldade no Pazo de Ibañez cun trasquilado brutal do pelo ao cero, para burlarse das “pelonas”, procurando facer o maior escarnio posible e se algún tixeirazo levantaba sanque no coiro, mellor que mellor.
As paredes da hoxe Casa do Concello poderían testemuñar as historias daquelas atrocidades que nos contaron os nosos maiores, daquelas torturas e palizas que inflixían “os patriotas” vencedores, despois dun discurso grandilocuente, ampuloso e afectado para xustificar un fallo de “culpable” decidido de antemán. Veciños crueis e sádicos, asasinos tamén si se terciaba o caso. Canto se rían, canto gozaban aqueles que desde a Praza do Campo contemplaban algunha daquelas escenas de maldade.
Temos a sorte de poder rescatar da documentación histórica os nomes daquelas mulleres ribadenses que padeceron prisión, e dalgunhas sabemos por oídas de boca en boca que sufriron todo tipo de vexacións. Mulleres das que non había dato incriminatorio algún, pero había veciños malditos e cobizosos que querían facer méritos aos ollos dos vencedores delatando maldades inexistentes. Aqueles verdugos esnaquizaban a beleza das mulleres roxas, dándolles labazadas sen cuartel, empurrándoas, espíndoas e gritándolles falsidades á cara para atemorizalas máis do que estaban. Deixábanas tiradas nunha cela, nunha habitación cerrada a cal e canto, se acaso cun vaso de auga, e facendo por si as súas necesidades; un pudrideiro de xente, tal cal explicaban as normas da Gestapo. Ó cabo de dous ou tres días eran letrinas andantes; estaban convertidas nun espectáculo noxento que nunca esquecerían. O medo quedoulles no corpo de por vida.
Pasaron pola cárcere de Ribadeo entre xullo de 1936 e abril de 1939, 525 homes e mulleres, incluso rapaces e rapazas menores de idade. Unha barbaridade de xente tendo en conta que Ribadeo tiña unha poboación de 2500 habitantes. Dos homes paseados e fusilados está a súa memoria gravada na Ruta dos Represaliados, e as trinta e catro mulleres das que temos relación foron: (1)
1) Aurora Puerta Zunquera (23 de agosto a 10 setembro 1936)
2) Pelva Díaz Trochez (23 agosto a 11 setembro 1936)
3) Amparo Bellón Fernández (24 agosto a 10 setembro 1936)
4) Encarnación Mosquera Álvarez (22 a 26 setembro 1936)
5) Josefa Rodríguez Loriz (29 a 31 outubro 1936)
6) Juana Fernández Fernández (7 marzo 1937)
7) Luciana González Álvarez (7 marzo 1937)
8) Estrella González Díaz (7 marzo 1937)
9) Dominica Álvarez Martínez (23 abril a 12 xuño 1937)
10) Esperanza Vázquez Lastra (23 abril a 12 xuño 1937)
11) Rosalía García Bravo (28 a 31 maio 1937)
12) Rosalía García Bravo (12 xuño a 14 marzo 1938)
13) Lucía López Méndez (22 a 23 xuño 1937)
14) Alicia Fernández Iglesia (9 a 23 agosto 1937)
15) Laura Fernández Iglesia (9 a 23 agosto 1937)
16) María Fernández Iglesia (9 a 15 agosto 1937)
17) Rosario Soliño Media (9 a 12 agosto 1937)
18) Ramona Nogueira Arves (9 a 11 agosto 1937)
19) Esther Alonso Rodríguez (9 a 23 agosto 1937)
20) Carmen Pérez Alonso (9 a 23 agosto 1937)
21) Rosa López Fernández (9 a 23 agosto 1937)
22) Elvira Fernández Méndez (9 a 23 agosto 1937)
23) Agustina Fernández Méndez (9 a 23 agosto 1937)
24) Rosa Montenegro Rodríguez (18 a 21 agosto 1937)
25) Rogelia Billa Velasco (19 setembro a 9 outubro 1937)
26) Josefa Díaz Gallo (17 a 18 xaneiro 1938)
29) Julia Lima Núñez (18 a 19 xaneiro 1938)
30) Encarnación Fernández Rodríguez (11 abril a 14 xullo 1938)
31) María Rivera (28 setembro a 8 novembro 1938)
32) Carmen Álvarez Fernández (30 decembro 1938 a 23 xaneiro 1939)
33) Luzdivina Martínez López (30 decembro 1938 a 5 xaneiro 1939)
34) Consuelo Lombardero (3 a 9 xaneiro 1939)
35) Luzdivina Martínez López (23 xaneiro 1939)
36) Selina Díaz Reigada (24 a 25 abril 1939)
Con todo o noso agarimo de ribadenses demócratas e solidarios, esperemos que NUNCA MÁIS tal barbarie volva acontecer, pero mentres vivamos non as esqueceremos xamais.
--
1 Miscelánea da antiga provincia de Mondoñedo, Xosé Isidro Villalba, Xunta de Galicia, 2021, p.101 a 140.↩
1 comentario:
No a las guerras. Respeto a todas las personas como nos gustaría que nos respetaran a nosotros, independientemente de sus ideologías o manifestaciones. Siempre dentro de la Constitución y demás Leyes y costumbres de las que nos hemos dotado para una convivencia pacífica.
Publicar un comentario