Calquera das catro está ben situada na súa contorna, e no seu interior dá acubillo a bos ambientes. Así, en plural, pois calquera delas dispón de espazos diferenciados nos que sentirse a gusto segundo idade, carácter ou tarefa que se pretende no momento.
En canto ós fondos de que dispoñen, varían moito dunha a outra. Non na procura de diversidade separadora, que non pretenden, como pola variedade derivada da cantidade. Todas dispoñen de fondos locais ou referidos ó entorno da ría, e aí estímase a riqueza non só das propias bibliotecas, senón tamén da sociedade da contorna na que están inmersas.
Nas Figueiras, o sinxelo andar do edificio ilumina o seu exterior ó paso de quen vai pola vía, establecendo unha continuidade e entendemento entre ambos mundos.
En Castropol, a subida polas vellas escaleiras de acceso prepara para un mundo máxico e ben relacionado coa xente que alí asoma e as árbores do parque máis aló das fiestras. Un mundo que comezou circulante hai 101 anos e que pode lembrar o paso de La Barraca polo pobo a carón dos 26 000 volumes de que dispón ou das múltiples actividades que a fan salientar a máis de achegala, de facela máis humana.
A Veiga pode presumir de instalacións de luxo. Luxo que se pon de manifesto con só usar seu andar superior ou o chan vidrado da sala de lectura informal, mesmo no breve intre da espera do comezo dunha actuación no auditorio contiguo. Luxo que se contaxia dende e para os libros e a súa lectura.
E Ribadeo? Fondos extensos (57 000 volumes), placidez, espazo, acompañan a libros ben anteriores ás súas actuais instalacións, mesmo ás xa hai longo abandonadas da Torre dos Moreno. Os fondos cedidos por (e ó espírito de) Daniel Cortezón (6000 vol.) ou Dionisio Gamallo (12 000), ou o protexido prego co poema Pensando en ti, Lola, de José María Alonso de Trelles e Jarén, van da man do Viejo Pancho que dá nome á biblioteca. O mesmo que os textos editados hai uns anos con motivo do seu cincuenta aniversario, unha gabanza necesaria e unha proxección cara ó futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario