Un novo primeiro sábado de mes, unha nova concentración pensionista en Ribadeo, da que subo o cartel e unha foto de Suso e o texto lido e comentado por Evaristo:
O texto lido e comentado por Evaristo lombardero foi o seguinte:
Bo dia companeiras e compañeiros.
Hoxe imos tratar dous temas da actualidade. En primeiro lugar, o que falamos sobre a ubicación do novo Centro de Saúde que proxectan a Xunta de Galicia e o concello de Ribadeo fronte á estación de servicio, a un km do centro actual e do casco urbano. E despois, da manifestación das plataformas de pensionistas en Madrid o 28 deste mes.
Pero antes quero dar conta ás persoas que lles interese de unha xuntanza do Foro Social da Mariña na que participei o pasado luns en Barreiros. Aínda que o tema non é específico dos pensionistas, moitas das persoas que participan nas concentracións e actividades de MODEPEN tamén participan nas concentracións pola Paz e se me permitides vou dedicar un minuto a este asunto por non convocar outra xuntanza; é só un minuto.
Ben, a cousa é que na ultima concentración pola Paz que tivo lugar na Veiga o domingo 26 de setembro falamos de buscar contactos en outros concellos da mariña con persoas que puderan estar interesadas nestas concentracions xa que viamos que se estaban mantendo con certa continuidade e asistencia e eu quedei de chamar ao grupo do Foro Social da Mariña. E dado que tiñan prevista esa xuntanza en Barreiros o luns pasado invitaronme a ir alí. Había xente de Mondoñedo, Barreiros, Foz etc. Eu limiteime a contarlles o que eran estas concentracións pola paz e estiveron moi interesados. Aínda que tiñan outros temas que tratar, fixeronme moitas preguntas e amosaron moito interese. En resume, quedaron de vir algún á próxima concentración en Ribadeo o 29 de outubro e falaron sen concretar sobre a posibilidade de organizar unha charla e unha concentración en Foz o 24 de febrero, coincidindo ca invasión da Ucraína polo exército ruso, porque antes xa tiñan outras actividades programadas. Nada máis, so isto a título informativo.
Respecto do asunto do centro de saúde, tampouco é un tema que afecte directamente as pensións pero sen dúbida pode afectar as persoas de idades avanzadas, polo que imos ver. Como sabedes, en outubro de 2021 a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia anunciou que se propoñia construir un novo centro de saúde en Ribadeo, dado que o edificio do actual presentaba algunas deficiencias. Nos meses seguintes os representantes da Consellería e do Concello de Ribadeo tiveron varias xuntanzas, e finalmente acordaron construir un novo centro de saúde nun prado que hai en fronte da estación de servizo, onde se poñen habitualmente os circos e que queda exactamente a un kilómetro do centro actual e do casco urbano de Ribadeo. Con este motivo fixemos algún comentarios no grupo de whatsapp e acordamos xuntarnos para comentar o tema. Todos estivemos de acordo en que poñer un centro de saúde a un km do centro do casco urbano é unha barrabasada que afecta especialmente ás persoas de idade mais avanzada, que terán que ir andando ou en taxi ou depender dun familiar ou veciño para levalos, cando hoxe o centro de saúde está moi céntrico e a un paso da maioría das persoas residentes en Ribadeo. En consecuencia acordamos redactar un escrito cas cousas que falamos en aquela xuntanxza e que agora exponemos para ver se hai acordo ou ben se hai outras opinións ou propostas. Eu vou ler o escrito e como sempre queda o micrófono aberto para calquer opinión.
PUNTOS BASICOS QUE PRANTEXA O COLECTIVO MODEPEN DE A MARIÑA SOBRE O PROXECTO DE CENTRO DE SAÚDE DE RIBADEO – a discutir -.
1º Consideramos que o proxecto pactado pola Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo de trasladar o Centro de Saude do centro do casco urbano a un lugar tan alonxado como a estación de servizo é un ero histórico e vai traer graves inconvenientes para os usuarios e usuarias, maiormente para as persoas maiores. Entendemos que o Concello de Ribadeo debe reconsiderar esta decisión e buscar unha ubicación mais axeitada se non se decide reformar o centro actual.
2º Como todo o mundo sabe, a distancia entre o centro do casco urbano e a nova ubicación que se propón é de un kilómetro, que as persoas usuarias deberán recorrer a pé ou mesmo recurrir a un familir ou taxi cas correspondentes molestias e gastos que eso supón. Ainda máis: unha gran parte do percorrido transcurre por zonas de difícil acceso, cruces, rotondas etc.
3º Diariamente acuden ao centro de saude un mínimo de 50 ou 60 persoas para realizar análises, sintrom e outras probas, e tendo en conta as consultas e as visitas a urxencias, moitos días pasan das 700 persoas as que acuden a este servizo. Sen contar o incremento das tempadas de vacacións.
4º O concello de Ribadeo ten actualmente ao pé de 10 000 persoas censadas, máis varios centos non censados. Como mínimo o 70 % de estas persoas residen no casco urbano, pero as persoas que residen no rural, cando veñen ao centro de saúde non sendo por urxencias, soen realizar outras compras ou actividades, polo tanto estarán igualmente prexudicadas pola nova ubicación.
5º Ata o día de hoxe non se ten publicado ningún informe técnico onde se especifique cales son as deficiencias que pode ter o actual centro de saúde e porque esas non se poden correxir cas obras que se precisen.
6º En todo caso, se non se considerase axeitado reformar o actual edificio do centro de saúde, todos somos plenamente conscientes de que no centro do casco urbano hai abondos solares onde se pode ubicar un novo centro de saúde e os trámites para recualificar o solo e xestionar a sua adquisición son os mesmos que se precisan para levalo ao extrarradio como agora se propón. O mesmo se pode dicir das promesas verbais de crear novas dependencias ou servizos.
7º O noso prantexamento é de tipo social. E pensando nos intereses dos veciños e veciñas de Ribadeo e usuarios de centro de saúde, e non entramos en prantexamentos políticos que cadaquen fará pola sua conta según considere axeitado.
En resume, e como conclusión, solicitamos do concello de Ribadeo que reconsidere esta decisión e adopte as medidas administrativas axeitadas para atopar unha solución que sexa beneficiosa e non prexudicial para a veciñanza.
Da manifestación de Madrid suliñar que xa se ven falando desta posibilidade dende maio, na Unidade de Acción na que están a gran maioría das plataformas de pensionistas do estado español, e que en setembro acordouse poñer a data do 28 de outubro. O tema tratouse no consello nacional de MODEPEN do 6 de setembro e debatiuse abondo. Algunhas persoas comentaban que nesas datas non haberá gobernó e que lles parecía mellor retrasala aínda que todos estábamos de acordó en facela. Ao final houbo unha votación e saiu 14 votos a favor da facela o 28 de outubro e tres a favor de retrasala pero ningún en contra de non facela. O principal motivo de esta manifestación é lembrar que estamos aquí, que o movemento de pensionistas ten ainda moitas reivindicacións pendentes e moi importantes e que a movilización na rúa e a unidade son as nosas principais armas de loita e as que nos identifican como colectivo fronte a outros que fan mais fincapé na negociación ou en outro tipo de actividades. Ademais, temos a tradición de que as principais manifestacións do noso colectvo foron sempre por estas datas e antes da redacción dos presupostos do estado, e nós marcamos a nosa axenda e as nosas prioridades goberne quen goberne e con independencia do ritmo que leven outras actividades políticas como é a formación dun novo goberno. Ou no seu caso, de que haxa novas eleccións. Debendo suliñarse que a fixación desta data ten moito que ver coa nosa autoafirmación como colectivo independente e que as nosas actividades non están sometidas as prioridades ou decisión de partidos políticos, parlamentos etc. Vou ler o comunicado que deu MODEPEN que resume os pontos e os motivos de esta manifestación. Pola nosa banda temos que valorar a situación e ver as persoas que queren ou poden ir e os custos que nos vai supoñer e naturalmente como sempre o micrófono está aberta para todo tipo de opinións. O comunicado de MODEPEN di o seguinte.
MODEPEN
28 de outubro. Manifestacion en Madrid
Defende o valor adquisitivo da túa pensión!
A mobilización desenvolvida por milleiros de pensionistas desde 2018 conseguiu importantes avances:
1º.- A suba anual das pensións segundo o IPC, que supuxo un 8,5% en 2023.
2º.- O aumento do 15% das pensións mínimas e non contributivas.
3º.- A modificación do discurso sobre as pensións. Agora, acéptase que ao aumentar a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos sobre a poboación total, será necesario aumentar os ingresos do sistema público de pensións.
4º.- As pensións non contributivas, e outras partidas, pagaranse con cargo aos orzamento xerais do Estado.
Mais aínda, temos reivindicacións pendentes:
1ª.- Garantía de que ningunha persoa pensionista perciba menos do salario mínimo interprofesional (SMI), actualmente 1080 €.
2ª.- Eliminación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada para as persoas que cotizaron 40 ou máis anos.
3ª.- Derrogación da Lei de promoción e impulso dos plans de pensións de emprego para impedir o desvío de cotizacións sociais da Seguridade Social aos bancos, fondos de investimento e compañías de seguros.
4ª.- Realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Parlamento español e que debera estar finalizada en xuño de 2022.
5ª.- Derrogación das reformas de 2011 e 2013 e recuperación da xubilación aos 65 anos.
6ª.- Aprobación de novas medidas legais, a curto prazo, para rematar coa fenda de xénero:
• Mulleres e homes: a igual traballo, igual salario, igual pensión.
• Incremento da porcentaxe do haber regulador percibida como pensión de viuvez.
O 28 de outubro viaxaremos a Madrid para participarmos nunha manifestación unitaria de todas as plataformas do Estado español en defensa da suba das pensións segundo o IPC real e de todas as reivindicacións pendentes. Participa!
GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS PÚBLICAS DEFÉNDENSE!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario