20231010

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE VALLEDOR. Pancho Campos Dorado

ESCUDO DE ARMAS DO PAZO DE VALLEDOR

Pancho Campos Dorado

Pazo dos Valledor. Escudo.

O Pazo dos VALLEDOR está en Castropol. É un edificio do século XVIII ao que se accede por unha gran portada rematada por un arco de medio punto sobre impostas algo saíntes e con molduras. Os riles do arco están gravados en baixo relevo con motivos florais que ocupan o espazo até as dovelas laterais da clave, e o todo enmarcado entre dúas columnas, sobre cuxos capiteis se sostén a obra de cantería do gran escudo heráldico da familia VALLEDOR.

Escudo de armas medio partido de dous trazos e cortado de dous, coa campaña partida, traendo un campo de oito cuarteis. Escudo composto das Armas familiares da Casa dos VALLEDOR e que se atopa en magníficas condicións de conservación. Está protexido da choiva torrencial por unha cornixa de cantería formando un arco de medio punto, típico abeiro dos escudos heráldicos. O seu contorno é o dun escudo español de forma cuadrilonga, redondeado polo baixo e terminado en punta no medio da base ó estilo francés (1), cun contorno de gran campo para dar amplitude ás pezas e mobles dos brasóns representados. Está timbrado cun helmo de fidalgo, repuxado con resaltes de figuras en relevo, e adornado cun penacho de cinco plumas, dúas pequenas extremas e tres centrais de maior relevo. Está situado de perfil mirando a destra e viseira alta levantada, e a parte inferior baixada, colocado sobre unha gola ou gorxal amplo de dúas pezas. Cerrando a abertura do helmo percíbense catro grilletas perforadas, o que nos da a coñecer a súa distinción de fidalgo antigo e cabaleiro revestido de algún cargo importante no exército ou na corte do soberano, así como que o escudo representa tres liñas maternas e paternas, armas familiares con parentesco de consanguinidade.

O campo está rodeado, a destra e sinistra, de lambrequíns sinxelos a modo de ornamentos florais formando molduras enlazadas, e na punta (parte baixa) remata nun sostén a modo de vieira de peregrino rodeada dunha labor de “encaixe” de bodoques que conforman un conxunto de moi elegante e señorial presenza.

Na bordura alta podemos ler: “EL SOLAR DEL VALLEDOR ES ANTIGVO I DE GRAN VALOR”. É un lema algo máis curto do que describía o escudo, tamén dos VALLEDOR, que estaba na casa de don Justo Barreiro Martínez, na antiga rúa de Figueirúa de Ribadeo, hoxe rúa de Buenos Aires: “EL SOLAR DEL BALLEDOR ES ANTIGVO DE GRAN BALOR CABALLEROS DESTE APELLIDO NO LO ECHEIS EN OLVIDO” (2). Ao expresarse en ambos lemas o termo “EL SOLAR”, quizais é probable que Balledor / Valledor queira dicir Valadouro, do latín “Vallis” ou “Valles” (feminino) ou simplemente se refira á “Casa nobre e patrimonial”, aquela máis antiga da familia onde se mantén ou mantivo a liña sucesoria da súa liñaxe. O escudo da rúa da Atalaia de Ribadeo (3), máis antigo dos Valledor, carece de lema.

Primeiro cuartel: cortado. En xefe, ou parte alta, unha árbore arrincada (coas raíces á vista); e na parte inferior do mesmo cuartel, dous cans, o de atrás con colar, perseguen a un xabaril pasante a sinistra preto dunha árbore sinistrada e arrincada.

Segundo cuartel, en xefe, un cabaleiro con espada envaiñada á sinistra que pasa por detrás da figura e a punta saíndolle por destra, empuñando coa man dereita unha lanza alta (vertical coa punta arriba). Na parte inferior, un castelo con tres torres; da central de maior tamaño ou de homenaxe, sae o corpo dunha aguia coas ás despregadas. Parece ser o guerreiro dos VILLAAMIL (4), surmontando ó castelo e aguia das primitivas armas dos ALVARADO (en campo de azur, un castelo de ouro sumado dunha aguia) ou dos ARTAZA (en campo de azur, unha torre de ouro e nacente das súas ameas unha aguia de prata). Faltan os esmaltes para precisalo.

Terceiro cuartel, unha flor de lis superada dunha estrela de sete puntas sinistradas dunha árbore moi erosionada (en campo de gules, unha lis de ouro superada dunha estrela de prata sinistradas dun teixo de sinople). Son armas puras dos VALLEDOR. Na parte inferior, un home groso con faldra remexe coa man destra o contido dunha caldeira guindada do gancho dunha gramalleira, sinistrados dunha grande oriflama, insignia ou estandarte militar de dúas puntas ou farpas, fincado no chan. Figuras propias dos VALLEDOR reflectidas, en parte, tamén no escudo dos BALLEDOR de Ribadeo (5).

Cuarto cuartel, dous lobos andantes contornados (cara á sinistra) en pau (un sobre do outro), surmontando unha árbore desraizada acostada de dúas aspas, unha en cada flanco. O brasón total semella as moi antigas armas dos CRÚ(Z) MONTENEGRO DE BARRAGÁNS, de Pontevedra. En particular puidera interpretarse, como un brasón cortado: 1) dous lobos andantes contornados en pau; 2) unha árbore desraizada acostada de dúas aspas. Os lobos serían dun matrimonio OSORIO. Isto é dubidoso, pois os lobos de OSORIO, son andantes cara á destra, en pau, lampasados (coa lingua á vista, e de distinto esmalte) e desollados ou sanguíneos (de gules), isto non podemos precisalo nesta representación en pedra, pois carece de esmaltes.

Quinto cuartel: un escusón (escudiño do abismo ou centro do campo) coas armas dos YBIAS. Con bordura, na que se pode ler o lema “YBIAS YBIAS (en xefe) DIOS (flanco sinistro) ME A (en punta) YVDE (flanco destro), [“YBIAS, YBIAS DIOS ME AYUDE”] intercalado entre oito aspas. As figuras do brasón son: en xefe, unha torre de planta circular de catro ameas (á vista, dúas medias laterais e unha central) sinistrada dunha figura, quizais unha brisura (unha mirleta dun fillo primoxénito ou dun cuarto); e en punta, un cabaleiro armado na man destra cunha espada ou cun látego que serpentea no aire á súa sinistra (puidese ser unha serpe (6)), portando unha adarga e atacando a outro home case derrubado ou sentado no chan, que se escuda do ataque cunha adarga na dereita e a man esquerda apoiada no chan, onde parece ter unha espada desenvaiñada. Ao lado destro do cabaleiro en pé hai unha estrela, posible brisura tamén, correspondente ao brasón dun fillo terceiro cando o primoxénito, nas súas armas, luce unha mirleta.

En heráldica o escusón representa o corazón do escudo, e era unha peza que concedía un soberano por algunha fazaña merecente dun brasón que cargue sobre o todo. Anotemos, como curiosidade, que algunhas veces o escusón era un distintivo amoroso, pois a miúdo nos torneos ou lizas medievais, o cabaleiro colocaba no centro do escudo un sinal ou unha cor distinta que só podía ser comprendida pola dama por quen suspiraba. (7)

Sexto cuartel, unha torre redonda de cinco ameas, donxonada dunha torre de homenaxe tamén de cinco ameas, a cuxo arredor hai sete aneis; un superando ambas torres, tres e tres en flancos e unha máis dentro do portalón da torre baixa. Son armas dun brasón descoñecido tal como está, pero puidera tratarse dun brasón dos PÁEZ (en campo de azur, un castelo de ouro, aclarado de gules e rodeado de nove roeles de ouro en orla). Probaron a súa nobreza nas Ordes de Santiago, Calatrava, Carlos III e en San Xoán de Xerusalén, e son tamén familia de membros da Santa Inquisición (8).

Sétimo cuartel da campaña partida (cantón destro da punta), brasón cortado, na parte alta unha figura quimérica alada. Poden ser armas de REBOREDA ou o grifón alado dos ARRIBA que está botándolle a pata destra a un home encarado que empuña un látego que arrastra polo chan. A sinistra do home, centrada en xefe, unha estrela, probable brisura dun fillo primoxénito. Abaixo, unha aguia voante ou de ás estendidas, mirando a sinistra, que puidera ser a aguia dos PARDO de D.ª MARÍA PARDO Y LOSADA ou de D.ª MARIANA RAIMÚNDEZ PARDO OSSORIO MIRANDA Y AZCUEDO, ambas emparentaron cos VALLEDOR segundo consta na xenealoxía do Padre Crespo (ver abaixo)

Oitavo cuartel da campaña partida (cantón sinistro da punta), brasón cortado, presenta na parte alta unha ponte de pedra de tres ollos superada dunha árbore acostada entre dúas aspas, unha a cada costado. Son armas dos BEGA ou VEGA (de gules unha ponte sobre un río de azur e prata [neste brasón o río non se ve]. Unha árbore do seu color acostada de dúas aspas de ouro unha a cada costado). Na parte baixa, unha torre mocha con catro lanzas altas (puntas arriba), dúas a cada lado do portón; parece un dos variados brasóns das armas dos LANZÓS, particularmente co relacionado cos Condes de Maceda da fortaleza de Betanzos (en campo de ouro, unha torre de pedra co seu homenaxe, acostada de catro lanzas de ferro, con puntas de azur dúas a cada flanco). (9)

Este escudo de armas dos VALLEDOR, presenta en cada cuartel labras de brasóns matrimoniais, polo que parece ser posterior ao ano 1774, data que presenta o escudo da rúa da Atalaia de Ribadeo, onde se reflicten os brasóns individuais. (10)

Notar aquí, que era moi frecuente entre familiares de reis e de nobres a endogamia (matrimonios entre persoas dunha mesma liñaxe: primos carnais e segundos entre si, tíos e tías con sobriños, etc.). Esta era un costume moi antigo que xa practicaban os hebreos, os faraóns de Exipto, os incas do Perú ou os aztecas de México, con obxecto de conservar a raza de puro sangre azul. Hoxe practícase entre algunhas familias das altas finanzas, quizais máis por motivos de confianza e afinidade de raciocinio, que “de casta".

A xenealoxía que fomos recompilando comeza en, segundo a obra do Padre Crespo del Pozo, con: D. PEDRO FERNÁNDEZ DE VALLEDOR casado con D.ª MARÍA ACEBEDO PARDO Y TABOADA (coñecida en San Miguel de Reinante por D.ª MARIA PARDO DE ULLOA. Casados antes de 1656. D.ª María é a sexta filla de D.ª MARIA JOSEFA PARDO DE CELA ULLOA Y TABOADA [da “Casa Torre de Pumarín” de San Miguel de Reinante] e de D. GREGORIO ANTONIO DE ACEVEDO PARDO VILLAMIL Y MONTENEGRO (de Castropol, fillo de D. Juan de Acevedo Pardo e máis D.ª Catalina Villamil y Bolaño)

Para non estendernos máis neste artigo, resumiremos a xenealoxía á contemporánea dos dous últimos séculos ata os nosos días:

D.ª MELCHORA VALLEDOR Y LAMAS (f.1829) casada con D. JUAN ANTONIO MENÉNDEZ NAVIA VILLAAMIL Y TRELLES (1752-1815)(fillo de D. BALTASAR MENENDEZ DE NAVIA Y VILLAMIL, Señor da Casa de Navia del Limonar de Navia, e da Casa do Outeiro de San Miguel de Reinante. Casado con D.ª MARÍA LUISA TRELLES PRELO Y CASTRILLÓN). Teñen por filla a D.ª MARÍA LUISA MENÉNDEZ NAVIA Y VALLEDOR (1771-1852) casada con D. VICENTE FRANCISCO JOSE LAMAS DE LA TORRE (1765-1817)(Señor do Pazo de Quintalonga) que teñen por fillo a: 1. D. RAMÓN DE LAMAS NAVIA OSORIO (n.1795) (representante do Reino de Galicia no Trienio Liberal de 1835) e a 2. D. VICENTE LAMAS MENÉNDEZ (1796) (señor do Pazo de Quintalonga) que casa con D.ª MARÍA TERESA NAVIA OSORIO Y ALVAREZ VIART (filla do VIII Marqués de Santa Cruz de Marcenado (1814). De este matrimonio nacen cinco fillos e pasa a herdanza ó cuarto fillo (despois de varios preitos) D. RAMÓN LAMAS Y NAVIA OSORIO (1851-1926)(Oficial do Estado Maior no Corpo Loxístico e Administrativo do Exército de Terra) que casa con D.ª ANUNCIACIÓN AMALIA SANJURJO. Teñen por filla a 1. D.ª MARÍA TERESA LAMAS SANJURJO (1886-1970) que casa en 1910 con D. JOSÉ NAVARRO REVERTER Y GOMIS (f.1942) Presidente de Telefónica entre outros moitos cargos. En Ribadeo viven na Casa de D.ª MARÍA LAMAS da rúa Viejo Pancho, que debido a lexislación franquista que negaba a autonomía da muller para gobernar o seu propio patrimonio sen permiso do marido, aínda hoxe se coñece esta casa como a Casa de Navarro Reverter, cando é a casa de D.ª MARÍA LAMAS)

Intentamos reunir as pezas que unen os Escudos de Armas do Concello de Ribadeo cós do Concello de Castropol, para coñecer a dimensión real que durante séculos unía con lazos de sangre ás familias nobles da Ría de Ribadeo, algo que hoxe, por desgracia, está totalmente perdido.

--

1 Heráldica española. El diseño heráldico. Luis F. Messía de la Cerda y Pita. Ed.1990. p.28

2 En Ribadeo a grafía expresaba BALLEDOR na lenda do escudo que estaba na Casa de D. Justo Barreiro. A grafía “Balledor” no escudo de Ribadeo; e “Valledor”, no escudo de Castropol, ambas da mesma familia, parecen ser a mesma palabra -“bale” ou “val”-, pero etimoloxicamente o seu significado podería cambiar: mentres un denotaría “a persoa que ampara ou auxilia a outra”(baledor, valedor), outro sería “val do ouro” -Balledor, Valledor, Valadouro-.(Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap. 18, p.146 / CASA BRASONADA DA RÚA DA ATALAIA)

3 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap.19, p.153 (ESCUDO DE ARMAS DA RÚA ATALAIA).

4 Heráldica de los apellidos asturianos. F. Sarandeses, Reedición, Oviedo 1994, p.376

5 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap. 18, p.146. (CASA BRASONADA DA RÚA DA ATALAIA)

6 Heráldica de los apellidos asturianos, Francisco Sarandeses, cita: “en una casa que llaman “de la Torre”, en San Emiliano (Allande) las armas son parecidas: Un castillo rodeado de ondas de azur y plata, bajo el cual está una serpiente de dos cabezas...” Reedición, Oviedo 1994, p.200

7 D. Modesto Costa y Turell, Ciencia del Blasón, Código Heráldico Histórico, 2ª Edición, 1858.

8 Blasones y Linajes de Galicia, Padre José Santiago Crespo del Pozo. Mosteiro de Poio, Edición patrocinada pola Real Academia Gallega, volume XXV, p.79.

9 Ibidém, volume XXI, p.147.

10 Escudos de Armas do Concello de Ribadeo, cap.19, p.153. (ESCUDO DE ARMAS DA RÚA ATALAIA)

 

Ningún comentario: