NOVOS DATOS SOBRE A REPRESENTACIÓN CONSULAR EN RIBADEO
Chemi Lombardero
No meu libro sobre o porto de Ribadeo nos séculos XIX e XX inclúese un cadro cunha relación de cónsules que exerceron as súas representacións en Ribadeo. A tal relación estaba copiada en grande parte do libro do profesor Antonio Meijide Pardo (1970), e algúns nomes saíron dos traballos de Pejerto Saavedra (1985), Méndez San Julián (1929) e Juan Carlos Paraje Manso (La Comarca del Eo, nº 3238). Pasado o tempo, en posteriores inmersións no papel vello foron aparecendo novos nomes de cónsules e vicecónsules que aumentaron a lista dos diplomáticos menores que exerceron no noso porto. Estes atopáronse nos periódicos Riberas del Eo, Bandera Católica e Castropol e non foron os menos os que apareceron no Arquivo Histórico da Provincia de Lugo (Protocolos notariais) e do Arquivo Histórico do Concello de Ribadeo (Actas), con motivo doutras pescudas.
Non fai falta aclarar que o ano que se sinala é a data da que temos coñecemento, pero, sen dúbida, deberon ocuparse os cargos en períodos máis longos. Os baleiros na cronoloxía son a proba de que aínda estamos lonxe de completar a lista, mais, con seguridade, coas aportacións doutras persoas, hase chegar a encher o álbum de cromos. Algo así como o que estamos a facer moitas persoas coas coleccións da nosa prensa local, aportando as familias os vellos xornais que teñen nos faiados. Deste xeito, pouco a pouco, vanse enchendo os ocos dos anos incompletos. Na actualidade, a sección de hemeroteca local da biblioteca El Viejo Pancho é unha excepción da que se pode dispor en poucas vilas.
Esta lista consular -é unha obviedade- revela a importancia histórica do tráfico portuario co estranxeiro -a fachada occidental europea- do porto de Ribadeo. Comercio marítimo que procede, ao menos, da Idade Media e chega ata os nosos días con moi pequenos períodos de interrupción.
A relación remata con mister Grey, o vicecónsul inglés que formaba parte da rede de representantes-espías que os ingleses tiveron durante a 2ª Guerra Mundial por todos os portos e cidades españolas de interese para vixiar a colaboración que a ditadura franquista prestaba a Alemaña. Mister Grey viviu eses anos no hotel Ferrocarrilana, do que gardou sempre un bo recordo, como puido constatar o médico Mario López Durá que o foi visitar á súa casa de Inglaterra cando fixo un ano de prácticas en 1947 nun hospital de Manchester.
1623 Juan Gallo Cónsul das Nacións Estranxeiras
1630 Juan Gallo Cónsul das Nacións Estranxeiras
1642-45 Dionisio Li Cónsul das Nacións Estranxeiras
1647, 1663 Thomas Foord Cónsul das Nacións Estranxeiras
1652 Dionisio Li Cónsul das Nacións Estranxeiras
1664 Paulo Francisco Braquefort Cónsul de Inglaterra e Nacións Estranxeiras
1672 Bernardo de los Ríos y S.Germán Cónsul de Francia
1687 Paulo Francisco Braquefort Cónsul de Inglaterra e Nacións Estranxeiras
1727 Julio Arango Cónsul da Nación Inglesa
1734 Julio Arango Cónsul de Inglaterra
1743 Juan Francisco Cenzano Vicecónsul de Francia
1752 Domingo Alexos Cotarelo Cónsul de Inglaterra
1752 Juan Francisco Cenzano Cónsul de Francia
1766 Juan Francisco Cenzano Vicecónsul de Francia e Inglaterra
1776 Román Travieso dos Couces Vicecónsul de Inglaterra
1780 José Benito Maimó Vicecónsul de Portugal
1782 Román Travieso dos Couces Cónsul de varias nacións
1795 José Antonio Campoamor Vicecónsul de Portugal
1795 J. L. Pardiñas Vicecónsul de Portugal
1796 D. Mª López Becerra Vicecónsul de Francia
1801 Román Travieso dos Couces Vicecónsul de Dinamarca e Inglaterra
1803 Pedro Miranda Villami l Vicecónsul de Dinamarca e Suecia
1803 J. C. Pimentel Silva Cónsul dos E. E. U. U.
1803 Román Travieso dos Couces Vicecónsul de Suecia
1804 Luis del Prado Vicecónsul de Dinamarca e Inglaterra
1807 Francisco María Amor Vicecónsul de Portugal
1808 Antonio Prado Representante de Inglaterra
1813 Francisco María Amor Vicecónsul de Portugal e Inglaterra
1816 Francisco María Amor Vicecónsul da S. M. Británica
1818 Diego María Barrera Vicecónsul de Francia
1820 Francisco María Amor Vicecónsul da S. M. Británica
1821 J. León Sexce Vicecónsul suplente de Rusia
1833-35 J. León Sexce Vicecónsul de Inglaterra
1835 Diego María Barrera Vicecónsul de Francia
1844 J. León Sexce Vicecónsul de Holanda
1881 José Ramón Moscoso Cónsul da República Arxentina
1884 Carlos Casas Muñoz de Estepa Cónsul de Francia
1887 Laureano Noceda Martínez Vicecónsul da República Arxentina
1893 Carlos Casas Muñoz de Estepa Cónsul de Francia
1893 José María Fernández Arruñada Vicecónsul do Uruguay
1899-11 Secundino Barcia Arango Vicecónsul da República Arxentina
1923 Carlos Casas Couto Vicecónsul de Portugal
1923 Carlos Casas Couto Axente de Austria-Hungría
1931 Agustín Torrontegui Cónsul de Inglaterra
1941-45? Rodrigo Grey Vicecónsul de Inglaterra
Chemi Lombardero |
Ningún comentario:
Publicar un comentario