20231009

Unha xeración de retardo (ao menos!). Unha imaxe de estado

Severo Ochoa no 1958. Imaxe no D.P.

Unha xeración de retardo (ao menos!). Unha imaxe de estado

    A pasada semana vin nun medio de prensa que o RCM (Real Casino de Madrid), 'en cumprimento da lei' substituíu dúas efixies de Francisco Franco e José Sanjurjo, é dicir, do Xeneralísimo e do Xeneral Sanjurjo, por outras dúas, do Rei Juan Carlos I e Dona Sofía, é dicir, do hoxe Rei Emérito e a Raíña Consorte.

    Nun momento fíxoseme evidente que:

    a) Dita institución leva incumprido a lei demasiado tempo, sen consecuencia ata o momento, e pretende burlar o espírito da lei de agora en diante.

   b) Levan, na súa mentalidade histórica, ao menos unha xeración de retardo, esquivando polo momento a xeración actual.

    c)  A institución segue 'nas trece', é dicir, sen intención de cambiar o fundamental. Todo o máis, detalles cosméticos, e de xeito forzado. Ou sexa, unha versión daquel dito, 'cambiar todo para que nada cambie', que á vista de hoxe parece o fondo no que se realizou a instauración da democracia en España.

    A partir do anterior, pódense facer algunhas consideracións, ou mesmo sinxelamente ollar algún punto con máis detalle.

    Así, que o título dun casino sexa 'Real' pode dar literalmente moito xogo. Se collemos as tres primeiras acepcións da palabra 'casino' no dicionario da lingua española (na que estaba escrito o artigo e a que usan no RCM), atopamos "1. m. Local destinado a la práctica de juegos de azar, donde en ocasiones también se ofrecen espectáculos, conciertos, bailes u otras diversiones. 2. m. club (‖ sociedad de recreo). 3. m. Asociación formada por los adeptos a un partido político o por personas de una misma clase o condición". É dicir, por se non se fixera patente, a entidade sería unha sociedade asociada ó xogo, un clube de diversión para políticos ou persoas, 'de clase'. Xente que, á vista do nome, tería un certo vínculo coa realeza. Aínda así, antes de verse legalmente forzados ó cambio, as efixies de consideración eran Franco e Sanjurjo. Coido que a explicación é lóxica: non foron reis, pero propiciaron a rebelión contra a República, que rematou traendo de novo a monarquía.

    Coas novas efixies, o título de 'Real' vaille mellor, pero o feito de que sexa 'para cumprir a legalidade' parece indicar que se leva ese título é porque o de 'Xeneral' non é unha palabra que se use no nome dunha institución máis que indicando outra cousa distinta, a xeneralidade, e non deron atopado outra palabra que lle fora ben e non desentoara coa clase.

    Cabe preguntarse canto tempo pasará agora, que non teñen unha obriga legal para o cambio, para que substitúan as novas efixies por outras máis actuais (xa non digo para cambialas por outras que representen a xente doutro tipo, como Gandhi ou Severo Ochoa, por citar dúas posibilidades que imaxino moi lonxe).

    Cambio ese, claro, que hai que asociar coa mentalidade de cambiar o apoio do Rei Emérito ó Rei 'a secas' ou máis aló.

Ningún comentario: