20231110

Cansei de ser o produto

Cansei de ser o produto

     O outro día, ó querer entrar en Facebook, recibín un aviso: ou vendía a miña alma ó seu diaño particular, ou pagaba cota. Non poñía unha terceira opción, a que polo momento elixín, non entrar na 'rede social'. Dous días despois, pasoume o mesmo con Instagram.

    Tentarei explicar algunha cousa sobre ese momento.

    Na súa nota, Facebook escúdase nas 'condicións cambiantes' da lexislación (da UE e España). Con pouco que se procure, atópase que na realidade a lexislación algo cambiou xa hai algún tempo, pero mesmo a que había viña sendo incumprida pola compañía. É dicir, o que estaba a facer era ilegal. Unha compañía agora chamada 'Meta' [Meta Platforms, Inc.], tras un cambio de nome nun intento de branquear a súa imaxe, e que aglutina a máis de Facebook, a Instagram ou WhatsApp. Unha compañía na que, nunha soa das súas seccións, Facebook, hai xa anos, tiña uns 700 MB de información sobre min. Iso si, desas cousas non di nada a nota. Tampouco houbo ningún tipo de aviso previo ou de tempo de adaptación para recoller: se quero entrar para avisar á xente que tiña na (supostamente miña) rede, ou acepto a miña venda ou pago.

    Despois de ver durante anos a evolución do tema, xa estaba internamente sobre propio aviso de que o cambio de condicións de uso estaba a chegar. Mais non esperaba, a mais da apropiación de datos usufructuados durante todo este tempo, a expropiación deles. Ata o momento, usaban os meus datos e información, pero eu tamén podía facelo. Agora 'eles' teñen os meus datos e información, e eu non.

    É evidente que unha empresa, como é Meta, está feita para gañar cartos. E non me levaba a engano. Se non dende o comezo da nosa relación, ao menos dende o moito tempo que leva circulando a afirmación 'se non pagas por un produto, é porque ti es o produto'. Tampouco me eran indiferentes cousas diversas como que me chegaran uns determinados anuncios, que o tráfico que xeraba a miña actividade fora impulsado ó alza ou á baixa por cuestións internas da compañía ('estudos sociais' era como o viñan denominando ás variacións arbitrarias de recomendación), a retroalimentación positiva de extremismos ou mentiras, a influencia en eleccións... Mais a expropiación - privatización actual é algo que polo momento, considero que colmou o vaso.

    Mastodon.gal ou cabozo.com son dúas redes que levo algún tempo explorando como alternativa. A primeira, cun funcionamento distribuído, é un nodo de Mastodon, rede que pode dicirse que está a comezar por estas terras. Cabozo máis ben é o revés: sustentada noutro tipo de funcionamento, coido que non chegou nunca a render dividendos, pero aínda con moitas diferencias, achegábase (achégase) máis a Facebook ou a Twitter. Segue a funcionar, pero entendo que pouco a pouco está a caer. Hai outras redes a considerar, tanto máis tradicionais (por exemplo, LinkedIn, encamiñada ó mundo profesional) ou das 'novas' (por exemplo, Diaspora, Friendica ou Hubzilla), unhas máis comerciais/empresariais e outras máis distribuídas/comunais, que haberá que explorar en caso de seguir necesitado alternativa.

    É evidente que o punto forte das redes está na xente que as usa,, a cantidade de xente que constitúe os seus nodos. E Facebook, con uns 3000 millóns de usuarios a comezos do presente ano, ou Twitter, con máis de 500, levan vantaxe sobre as máis recentes nese piar. Pero é un mundo dinámico: a perspectiva de uso dunha aplicación de mensaxería como Telegram en relación a WhatsApp era totalmente diferente hai tan só hai uns poucos anos á que é agora, pasando de ser case invisible a primeira a ter xa a metade de número de usuarios da segunda.

    Por certo, hai quen usando todos os días unha rede social, o seu concepto de 'rede social' non abrangue máis ca que usa. Sexa ou non sexa así, pode que non veña mal pasar pola Wikipedia para facerse unha idea máis axeitada. Por exemplo, botándolle unha ollada a https://gl.wikipedia.org/wiki/Rede_social.

    Mentres, un blog como Ribadeando, que usaba Facebook como caixa de resonancia como tantos outros, seguirá funcionando e chegando as súas novidades á xente de diferentes xeitos, por redes sociais alternativas, posteado doutras persoas, mensaxería, procura no navegador ou por medio de agregadores de noticias como Feedly. E máis no futuro, xa veremos.

Captura de pantalla do letreiro, hoxe mesmo.

    Unha opinión semellante, expresada noutros termos: https://www.enriquedans.com/2023/11/quiere-usted-hacerse-dano.html

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Comentario de Gamela: Estaba na súa naturaleza, a naturaleza do escorpión! https://gamela00.blogspot.com/2019/05/facebook-gran-mentira-azul.html?sc=1699902179088#c4419426987500105456

agremon dixo...

Polo que parece, a cousa ven de lonxe...