20231117

Celia Castro, sobresaínte cum laude

     Fágome eco dunha nota de prensa da USC, ó paso que felicito a Celia Castro:

Humanidades aborda nunha investigación a influencia da fotografía nalgúns pintores do século XIX

A tese de doutoramento desenvolvida pola ribadense Celia Castro Fernández baixo a dirección de Carmen Bermejo e Jesús Varela Zapata analiza a importancia da invención da fotografía e a súa repercusión na obra de Dionisio Fierros e Federico de Madrazo, entre outros autores da pintura moderna española

Celia Castro Fernández, entre Varela Zapata e Carmen Bermejo, na Facultade de Humanidades

A influencia e as repercusións que tivo a invención da fotografía noutras manifestacións artísticas, tal e como é a pintura, centra a investigación de doutoramento que acaba de presentar a catedrática de Historia da Arte na Escola de Artes e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo Celia Castro Fernández na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo baixo o título ‘A influencia da fotografía nalgúns pintores do século XIX: O círculo de Federico Madrazo’.

A investigación, impulsada pola tamén catedrática de Historia da Arte na USC Ana Goy Diz e co dirixida, tralo seu pasamento, por Carmen Bermejo Lorenzo, da Universidade de Oviedo, e Jesús Varela Zapata, da USC, aborda desde unha perspectiva comparativista e seguindo a metodoloxía dos Estudos Culturais, a importancia da invención da fotografía e os efectos que provocou a aparición desta na pintura española moderna.

Castro Fernández afonda nas súas pescudas no estudo e na análise da obra pictórica de diversos autores, entre os que se atopan Dionisio Fierros e Federico de Madrazo, ademais de mergullarse na obra de diversos fotógrafos madrileños do século XIX.

Unha das múltiples contribucións que achega a investigación de doutoramento desenvolvida por Celia Castro Fernández atinxe á recuperación e á análise de material até o momento inédito, tal como corresponde ás chamadas ‘cartes de visite’ (tarxetas de visita), procedentes ou pertencentes a diversos coleccionistas privados.

Tribunal de tese e cualificación

A catedrática de Historia da Arte na Universidade de Oviedo, Ana Fernández García, presidiu o tribunal encargado de avaliar esta investigación de doutoramento, un comité do que tamén formaron parte o catedrático da Universidade de Santiago Juan M. Monterroso Montero, e o profesor da Universidade de León Iván Rega Castro. Os membros do tribunal acordaron por unanimidade outorgar a esta tese a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude.

 

Celia Castro Fernández, entre Varela Zapata e Carmen Bermejo, na Facultade de Humanidades



Ningún comentario: