20231104

Chiando de Lugo a Ribadeo (ou de Ribadeo a Lugo)

(Artigo que saíu no Chío, Chío XXIV, novembro de 2003)

--

Chiando de Lugo a Ribadeo (ou de Ribadeo a Lugo)


    Remato de ver que cara fin do século actual, Lagos, capital de Nixeria, será a cidade máis grande do mundo, cunha poboación equivalente ó dobre da España actual ou a unhas novecentas veces a que ten Lugo hoxe. É dicir, equivalerá a uns novecentos Lugo. Ou sexa, unha proporción semellante a que hai entre o actual Lugo e a parroquia de Couxela, en Ribadeo...

    A pesar do dito, como capital, un chío que se produza en Lugo terá máis forza e acadará máis difusión que un que se produza en Couxela. Iso, aínda que a cousa se difumine se pensamos que a capital agrupa (só) algo menos de un terzo da poboación provincial. De calquera xeito, non é só o ter máis poboación, senón o estar máis próxima ós centros de poder, sexan políticos ou económicos, mesmo sociais.


 

    Por un cambio de percepción segundo a situación, convén tomarse con calma, de xeito consciente, as viaxes a ou dende Lugo á poboación que sexa. Poñamos, Ribadeo. Saes de Ribadeo podendo uliscar o mar e o seu espazo aberto que toca co horizonte nos días despexados, ou se mistura con el nos menos transparentes. Podes tirar Eo arriba, vendo á túa beira as augas pasar temperadas ou indómitas, segundo o lugar, segundo a estación. E ti mesmo vas cambiando a medida que ascendes e te entra a paisaxe polos poros. Xa non estás en Ribadeo, aínda non estás en Lugo. Coroando o Marco de Álvare sentes un rachar externo que te chega dentro e te arrastra Miño abaixo. Non, segues sen estar en Lugo, pero as augas xa corren cara alí. Saber que ese alto á túa beira é o castro de Viladonga retrotráete no tempo e segue a cambiar a túa percepción. E así vas entrando pouco a pouco na vila capital provincial de Ribadeo dende 1833, despois de ter desposuído a Mondoñedo. Detalle este que tamén hai que considerar: a antiga provincia mindoniense conserva unha personalidade territorial que se pode identificar coa Mariña.


 

    Todos eses cambios, e moitos máis, actúan na viaxe que te trae ou te leva de Ribadeo. Podes non sentilos, abstraída ou abstraído cunha conversa trivial ou coa música radiada. Perderás entón a posibilidade de acomodación a esa riqueza que ten a nosa terra, a diversidade, a preparación para o cambio de lugar, e renunciarás a elas. Pode que mesmo sentíndote máis por chamarte a un ou outro lugar, e sendo menos por faltar o mundo enteiro ó teu arredor.

Ningún comentario: