20231113

ESCUDO DE ARMAS DE VILA ROSITA. Pancho Campos Dorado

 

ESCUDO DE ARMAS DE VILA ROSITA

Pancho Campos Dorado


Atópase na casa de Castropol denominada “Villa Rosita”. O edificio data do século XVI, a parte máis antiga, á que se foron engadindo novas construcións nos séculos XVIII e XX. Baixo un abeiro de cantería atópase este Escudo de Armas sinxelo, non por iso menos notable, brasón distintivo dunha só liñaxe, ovalado sobre unha metopa formando voltas como dun pergamiño cortado (1), e de cuxo soporte saen lambrequíns de ramas de loureiro. A súa forma está fora das normas heráldicas clásicas da Idade Media e mostra a “anarquía artística” que a partir do século XV e XVI, co movemento cultural do Renacemento, fixo prevalecer o gusto do artista da Idade Moderna ante ás regras clásicas.

Esta timbrado cunha pequena coroa real, de duque ou de marqués.

O brasón presenta as clásicas columnas dóricas de Hércules (2) colocadas á destra e cargadas dunha cinta co lema PLUS ULTRA, sinistradas de dous orbes (globos terráqueos) circunvalados cada un por unha faixa ecuatorial e ambos coroados por unha única coroa imperial (3). O todo sobre un faixa de ondas de auga.

Carece de esmaltes, como é normal nos escudos de pedra.

O campo ovalado está inscrito dentro dunha bordura de volutas apergamiñadas, en cuxa parte alta pode lerse o lema: I LA LEALTAD ACRISOLADA e na parte baixa POR ISABEL LA CATÓLICA. Parece ser brasón dun virrei da Nova España, cuxos virreinatos existiron en varias nacións americanas entre 1535-1820.

As dúas orbes son unha na iconografía clásica, e representan a unión entre España e América, como parte da idea do dominio planetario. Son reflexo da política borbónica de Fernando VII (1813-1833) para reforzar o discurso de fidelidade e de política de unión entre todos os territorios hispanos (4).

Parece ser, segundo as nosas fontes, que este escudo é foráneo de Castropol, e non ten nada que ver cos patrucios e primixenios donos de Villa Rosita. Foi posto aí para ocupar o espazo onde estaba o escudo brasonado e verdadeiro dos donos, e que foi levado por eles cando venderon a casa. Dos cales non chegamos a saber quen eran.

De calquera maneira, o escudo está aí, e merece a nosa atención o seu brasón, do cal trataremos de esclarecer o seu significado segundo fomos atopando notas sobre a a súa simboloxía.

1) No Pazo de Carlos V (1500-1558) de Granada aparece un escudo de armas cunha orbe surmontada dunha aguia e flanqueada por columnas de Hércules xónicas (unha a cada flanco).

2) Filipe V (1683-1746), Filipe de Anjou neto de Luis XIV de Francia, primeiro rei de España da Casa de Borbón, crea o modelo Mundo e Mares (dúas orbes) flanqueadas polas columnas de Hércules, iconografía acuñada na moeda de dous reais de prata de México (5) da que os ingleses e americanos copiaron o modelo para acuñar o “dólar das columnas” (pillar dollar) do ano 1768, que foi a principal moeda de prata de todo o mundo. En ela aparecen no anverso (cara) dúas orbes coroadas coa coroa imperial española, flanqueados das columnas de Hércules tamén coroadas con coroa imperial e co lema PLUS ULTRA, e o todo sobre ondas de mar. No borde do campo da moeda a frase VTRAQUE VNVN, que significa “de dous, fíxose un”. Expresión que alude a que a Coroa de España gobernaba sobre os dous mundos, o vello e o novo. No reverso (cruz), preséntase un escudo de armas abreviado de España, cuartelado de Castela-León e no escusón as Armas da Casa de Anjou, tres lises ben ordenadas, dúas e unha, igual que as do escudo actual de España e coa lenda CAROLUS III.D.G.HISPAN.ETIND. REX. (6) Carlos III foi rei entre 1759 e 1788

Real de a oito ou columnario

Segundo se pode ver en “Google”, apreciamos que as columnas de Hércules dóricas deste escudo corresponden ao Consello das Indias Orientais, pois non están coroadas como ocorre coas do Consello das Indicas Occidentais. Mais tamén se aprecia que no escudo das Indias Occidentais, cada columna presenta un remate composto dunha orbe coroada, a da esquerda coa coroa real de príncipe ou de duque, e na destra coa coroa imperial

Escudos de ciudades y regiones americanas en el armorial de los marqueses de Torrelaguna (Ministerio de Cultura y Deporte)


Esperamos que nun futuro poidamos resolver a quen pertenceu este brasón, para saber algo da xenealoxía da familia primixenia, pois non cabe dúbida de que tivo que ser un virreinato ou un gran cargo de Indias.

-- 

1 Forma que se daba a escudos de finais do século XVII. The complete book of Heraldry. Stephen Slater. Lorenz Books, Anness Publishing Ltd. London, 2002, p.57.

2 As columnas de Hércules son dóricas, debido a que Heracles (nome grego) ou Hércules (nome romano) foi un semideus procedente das tribus dorias da Grecia antiga, polo que os seus elementos mitolóxicos que interpretaban o fin do mundo coñecido, debían ter ese estilo arquitectónico, o máis arcaico e simple das ordes clásicas.

2 Coroa real surmontada por un orbe superado por unha cruz cristiá

4 Inmaculada Rodríguez Moya, Dos son uno. Los orbes en el discurso iconográfico de la unión entre España y América (1808-1821), Academia, ano 2013.

5 Monedas Españolas, desde los visigodos hasta el quinto centenario del descubrimiento de América, Juan.R. Crayon & Carlos Castan, Jano S.L. Madrid, 1991, p.601

6 https://www.eldebate.com/espana/20211226/columnas-primer-dolar-norteamericano.html

Ningún comentario: