20231104

MEDIO SÉCULO FUXINDO OS VENTOS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Mero, en foto da Galipedia por Santos Díez. Lic. CC BY SA 3.0.
 

MEDIO SÉCULO FUXINDO OS VENTOS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Un polémico libro (escrito por Mero Iglesias, un dos fundadores do mítico grupo de folk galego) lembra os cincuenta anos da súa traxectoria sobre os escenarios. O seu longo título é “50 aniversario de Fuxan os Ventos. Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío” (Galaxia).

    A banda loitou por cantar en galego nos anos 70 do pasado século facendo crítica social, rescatando as cantigas de orixe popular como Sementeira ou musicando a poetas como no caso de O carro do chairego Manuel María. Naceron canda a Nova Canción vasca e catalá, que revolucionaron a música socio-folclórica nos últimos anos da ditadura, xunto con outros cantautores galegos ou estranxeiros como Juan Pardo, Andrés Dobarro, Amancio Prada, Zeca Afonso, Violeta Parra ou Víctor Jara.

    As súas orixes están na Casa Diocesán de Lugo na que o crego Xesús Mato ensaiaba un coro de rapaces. En 1971 compuxo para eles a peza “Fuxan os ventos” que interpretaron nun concurso durante as feiras das San Lucas en Mondoñedo, podendo gravar un disco como premio. Ao comezo rexeitaron os temas comerciais pero, co paso do tempo, foron aceptando as regras do mercado musical o que provocou disidencias no grupo xa en 1974 en Monterroso e outra en 1983 na que o autor do libro decidiu abandonar o conxunto e fundar A Quenlla, aínda en activo.

Ningún comentario: