A eficacia do exército israelí
O exército israelí, dende a guerra dos seis días (polo menos) foi a envexa doutros exércitos do mundo. Un país pequeno convertido nun xigante bélico. Dende o de Gaza, xa non tanto. E non por cousa dos crimes cometidos, que baten marcas día tras día, senón por outras razóns, relacionadas coa mecánica guerreira.
Dende antigo, sabemos o que di Sun-Tzu no seu 'Arte da guerra', que a mellor guerra é a que non chega a comezar. Aí, o primeiro dos fallos do exército estrela (como dixen, non só pola estrela de David da insignia israelí). Non evitou, a pesar da intelixencia, a célebre intelixencia israelí, o ataque. Vaia eufemismo: non se refire á IA, intelixencia artificial, que tamén usan nese exército, senón á espionaxe común. E xa no ataque, non puido opoñelo, co que tería evitado 1200 mortes/asasinatos a máis dos feridos. E despois, non evitou tampouco os douscentos secuestros/reféns. Antes, durante e despois, os feitos dan fe de que na prevención, sexa dende a espionaxe, nos medios de contraataque inmediato ou do que sexa, o exército israelí non funcionou como se esperaba del. E iso levou a un líder/xefe de goberno, acusado de varios delitos, a unha saída de un paso adiante, 'eu máis: póñome diante e tras de min todos os decentes'. Polo demais, unha saída típica para manterse no poder.
Naturalmente, o anterior, en resume e visto como unha guerra e non como un ataque terrorista. Estou a coller os feitos tal como os presenta o goberno israelí.
Segunda parte, a 'ofensiva-masacre' sobre Gaza, segundo a ONU, máis mortos nun mes (10 000) que nun ano na guerra ruso-ucraína, sobre un territorio menor que o concello de Vilalba. Resulta que acurrunchan á poboación, bombardean, matan... e non dan rematado a 'guerra' (que así a chaman...) nin evitado pequenos ataques terroristas de Hamás dende a franxa de Gaza. Por certo, nesta 'guerra' non se oe falar de 'danos colaterais'. Pode que porque a súa cantiade pareza indicar que os 'danos colaterais', neste caso, sexan os obxectivos militares e non a poboación civil. E resulta que están a usar a IA para escoller obxectivos, porque nas anteriores guerras (todas as chamadas así polo exército israelí) se lles acababan os obxectivos rápido. O ter potencia de fogo é o que resulta: faise o traballo rápido e quedan sen ter que facer, teñen que procurar máis. Algo tamén común, iso de procurar máis traballo aos exércitos.
Coido que deberan usar a IA para ter a paz e non un futuro onde a falta de saídas, de futuro, para a xente de Palestina os condena a tirar para adiante de calquera xeito, mesmo da forma que está usando Israel, o terrorismo, a guerra.
E, no medio, crimes de guerra, (i)lexítima defensa contra un estado que como tal non atacou. Estou collendo información de fontes da ONU. Por certo, un estado non recoñecido -por iso o de 'Autoridade Palestina'-, un non estado dende o punto de vista de Israel, e a pesar dos acordos de Oslo. Mentres, nada de guerra asimétrica nin nimiedades: ese conflito é terrorismo sempre, guerra cando nos din.
Ante a rección internacional, da que cabería moito que falar, non sei por que se me ven á cabeza o Nobel de Obama, recibido antes de que chegara algún mérito na presidencia novelada pola que se lle concedeu. Antes, porque mesmo o recibiu sen ter comezado o mandato. Pode que se me veña á cabeza porque en ningún dos dous casos a xente e o sentido común tivo moito que dicir fronte ó poder de cartos e intereses diversos.
E así vai o mundo. Seguimos? Sahara, Iemen ou Ucraína están na lista, con tantos outros lugares, con persoas esperando dun exército (aínda que non sexa tan poderoso e eficaz), unha bomba, unha bala como alternativa a un futuro a construír en paz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario