20231209

Bestial! Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Entrada para As Bestas. Imaxe no D.P. collida de gl.wikipedia.org

BESTIAL!

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O pasado ano producíase a estrea do filme “As bestas” (xa houbera tamén un documental estadounidense), coproducido entre Francia e España e baseado no crime do holandés Martin Verfondern na aldea de Santoalla en Petín no 2010 por mor do uso agrario ou eólico dunhas leiras. Un thriller rural de Sorogoyen en toda a regra no que a realidade volta superar a ficción. Obtivo moi boa acollida no festival de Cannes, varios premios no de Donostia e foi seleccionado mesmo para ir aos Oscar.

    A rodaxe tivo lugar no Bierzo e a parella holandesa protagonista do homicidio verídico muda en francesa na fita. Afeccionados á agricultura ecolóxica e á vida bohemia como bos “ruralitas”, deciden establecérense na parroquia, moi perto da única casa da contorna, habitada por unha familia oriunda do lugar. As relacións de veciñanza, desde o comezo, foron mal. No abafante ambiente natural respírase a atmosfera de “Sempre Xonxa”, filmada por Chano Piñeiro en 1989 en Valdeorras. Como anécdota, comentar que nesta longametraxe actuaron de extras os irmáns dun bo amigo de quen isto escribe.

    Tantos anos despois, Margo Pool segue a vivir nese mesmo sitio e o seu home fica soterrado no cemiterio parroquial. As relacións coa familia nativa son igualmente tensas, mais polo menos poden coexistir xa con calma e en relativa paz, froito do perdón e da vontade de lembrar honrando sen odiar.

Ningún comentario: