Captura de pantalla de https://gl.wikipedia.org/wiki/Rep%C3%BAblica_Popular_da_China, lic. CC BY SA 4.0 |
CHINA, MON AMOUR
Nada máis lonxe de facer eu aquí un panexírico da China como fixo Marguerite Duras do Xapón posbélico na súa novela “Hiroshima, mon amour”, mais o xigante asiático está a “colonizar” economicamente medio planeta (incluíndo Europa) dun xeito tan subtil como eficaz. Comezou cos bazares e restaurantes chineses e continuou o seu “soft power” (poder discreto, mais ostensíbel cando non ostentoso) mesmo organizando uns xogos olímpicos ou o concurso de algo tan pouco maoísta como o concurso de Miss Universo. Segue mimeticamente o exemplo do que foi o espallamento da cultura popular estadounidense por todo o orbe a partir da II guerra mundial ou a da antiga Roma na época imperial.
Aprendemos Tai-Chi e técnicas de defensa persoal chinesas (tamén niponas ou surcoreanas, abofé), comemos pan Bao, vemos series televisivas do meirande país “comunista” do mundo, practicamos a súa medicina natural, abraiámonos cos seus avances aeroespaciais e mesmo está de moda aprender o seu complicado idioma. Empregamos a súa tecnoloxía de telefonía móbil e subcumbimos a Tik Tok.
A pandemia da Covid principiou alí e alí comezou o reparto de máscaras, xel hidroalcólico e vacinas. No eido político, EEUU (e con el todo Occidente, Xapón e Corea do Sur incluídos) teñen pavor da influencia da diplomacia “panda” en África, Asia e mesmo América Latina e dunha segunda “guerra fría” entre o capitalismo neoliberal e o tecnocomunismo de mercado nun mundo outra volta bipolar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario