De vitoria en vitoria ata a derrota final
Dicíao Onaindía no seu enfrontamento con Aulestia. Foron tempos de chumbo naquel Euskadi onde loitamos por vencer o terrorismo e ao mesmo tempo refundar a democracia desde a dignidade e a liberdade.
Fun dar clases de xestión sociosanitaria. Eu comprometínme cun país que non era o meu. E de tal país aprendín a relativizar as promesas dos líderes economistas sociopolíticos. Entendín o pragmatismo dos cataláns na miña estadía na Barcelona dos anos setenta cando, cun sorriso burlón, afirmaban: “lo que no son pesetas, son puñetas”.
“Alcoa alega que non ten fondos para cumprir co asinado en San Cibrao”. Algúns rasgarán as vestiduras. Enganáronnos! "Dichosos cando vos insulten, vos persigan e digan con mentira todo tipo de mal contra vós por causa miña. Aledádevos e gozade porque a vosa recompensa será grande no ceo" -Novena benaventuranza segundo o Evanxeo de San Mateo-
Non fai falla ser un xenio nomeado ao Nobel de Economía para sinalar que o tema se vía vir e que os "donos" do complexo de aluminio levan tempo avisando e planeando unha técnica para desmantelar a fábrica de bauxita-alúmina-aluminio situada entre Xove e Cervo. Ten o seu propio calendario. Ten un modelo propio para xustificar o que algúns non queren aceptar: un custo inasumible da enerxía sen alternativa real máis aló dos soños dos xeradores eólicos mariños.
Calquera universitario que teña realizado un curso ou máster en xestión empresarial sabe que todas as industrias teñen un ciclo-curva vital, e que nun momento o punto máximo da curva debe mutar antes de comezar a caída cara ao final. Non hai industria que sexa eterna como a Igrexa.
A realidade é teimuda. Ningunha empresa, e moito menos unha multinacional con sede nos EEUU, está disposta a perder cartos. En tal caso e cando xa non pode obter máis subvencións do Estado, declárase insolvente cos derivados que tantas veces vimos. Ou alguén crera que ALCOA-SAN CIBRAO era un caso diferente? Sempre teño que lembrar como en 1875 Sargadelos quebrou e pechou, provocando un cataclismo sociolaboral cunha onda migratoria e mesmo, como sosteñen algúns autores, fame, na antiga provincia de Mondoñedo.
Solucións ao problema da insolvencia pola mala relación entre custos e beneficios-perdas. Despedimento colectivo por peche progresivo, venda da fábrica. Milagre no mercado do aluminio...
Non podo entender como os políticos e os sindicatos teimaron en mantelo e non emendalo. Como non constituíron unha plataforma de expertos para buscar alternativas industriais para o maior activo que existe na comarca. O porto de ALCOA-SAN CIPRIAN. Un espazo intermodal para atraer outras empresas cun perfil non contaminante similar ao que se está a facer na Europa verde.
Unha vez máis teño que lembrar que para mandar hai que saber, e que mentres as multinacionais buscan os mellores expedientes profesionais, a política e o sindicalismo nútrese de predicadores de fume.
1 comentario:
Encantame o artigo!!!!inmellorable
Publicar un comentario