20231205

Do Chío de decembro

    Remata de chegar a min o último Chío polo momento, o número da revista dixital do mes de decembro. Dela sorprendéronme varias cousas, pero o seu tamaño, asequible ata o último recuncho en pouco tempo, fai que mellor que comentalas, facilite o acceso.

    Como en números anteriores de Chío, teño unha pequena participación. Déixoa aquí tal como foi enviada, sen a maquetación que en Chío a fai diferente:

Chiar cara ó inverno

    Nestes momentos, o vento golpea fóra da casa. Métese a noite cara ó inverno con moito vento e algo menos de chuvia. O aire ven, e miro fóra e leo por onde o fai mirando os signos das herbas fronte a min.

Mentres, o mundo segue. A ría, cada vez máis estreita, prepárase para un novo apertuxarse da auga entre terra e rocha desprazada aquí e aló por intereses diversos. É curioso. A auga era a que días atrás, coa marea chea, facía que a Veiga se inundara outra vez. Algo cada ano é máis frecuente cun mar que leva subido dez centímetros no que vai de século.

E seguimos. Á vista xa están algúns deses desexos de ano novo que tanto custa manter, que non soen chegar nin a fin de mes, como un dos moitos soldos escasos que escorren entre moitas mans neste país. Non son os únicos en discontinuarse: como na canción que nos avanza que unha perna tapa a outra, unha guerra tapa a outra a pesares das boas intencións que se manifestan de xeito grandilocuente. O mesmo ca eses acordos que resultan ser máis bonitas verbas ca outra cousa prometendo facer o que sexa para parar o desastre climático mentres se seguen a subvencionar as actividades que levan ó desastre.

Pero imos achegándonos ó Nadal. Estarán acendidas as luces en Vigo, esas que iluminan o universo eclipsando a vista das estrelas, ou do este mes máis luminoso Xúpiter. Eclipsaranas ós comúns mortais que non poden -podemos- irnos a un lugar deserto, afastado do mundanal ruído. Está a chegar o tempo do sorriso fácil, da boa vontade enlatada, da superación provisional das preocupacións, da permisividade en aras do anterior e do futuro que se está a fastidiar precisamente por esa mesma permisividade. Un paseo á beira da ría para esquecer que se está a converter nun río. Unha compra para esquecer o estrago que esas compras producen. Unha volta en coche, onde sexa, para esquecer preocupacións como o envelenamento da atmosfera co mesmo fume que estamos a xerar. Ou unha camiñata polo monte rematado de se queimar?

Si, é doado. O que? Non importa, iremos polo doado: é doado! Mesmo as verbas aguantan con todo. E cada vez hai máis. Non só as producidas por unha chamada intelixencia artificial que promete cousas que non é consciente de poder cumprir (é que acaso a IA actual é consciente?). Mais tamén con palabras, con outro carácter moito máis colaborativo, humano e máis noso, con esforzo de aquí, a Galipedia acadou o mes pasado 200 000 artigos. Ribadeo, Futuro ou Cambio climático están entre eles. Un pequeno lume de esperanza de cara a un porvir polo que hai que loitar.

Repaso o escrito mentres amence. Chove no escuro, pero a luz loita por facerse día.


Ningún comentario: