Oubiña: secuela
Non sei se será secuela no sentido literario, pero si o é no sentido real. Remato de ver que Oubiña (Laureano, o de Fariña) presentará o seu segundo libro na illa Pancha, Ribadeo.
O dito parece claro, pero non o é tanto. Oubiña non é escritor. Non presenta unha novela, senón o seu segundo desagravio biográfico. Despois de Fariña e os xulgados, quédalle o nome; non sei se algo máis.
O nome, digo. Non o bo nome (por iso, o desagravio). Debera quedar claro sen máis, pero por se acaso. Por se acaso, nun tempo no que aquel 'que falen de ti, aínda que sexa mal' parece un valor destacado entre os que hai que investir na bolsa.
Lembras esas figuras que pululan pola tele por, algunha vez, nalgún lugar, poder ser asociadas a alguén con repercusión nalgún medio? A base de crear polémica e atacar con barullo gratuíto (é dicir, que non lles costa nada), a base de facer que os focos lles enfoquen, crean unha marca que lles renda en cartos, que é o seu interese. Se para iso teñen que mentir, prexudicar, acosar ou o que sexa, non importa: o fin xustifica os medios. E o fin téñeno claro: a renda.
Alguén me comentaba que non comprendía que se presentara na illa e se vaia asinar e vender noutro lugar en Ribadeo, como contan no 'artigo periodístico'. Non sei. Ás veces, a mercadotecnia sorpréndeme, ou sinxelamente, non a entendo. Sei que non son o único ó que lle pasa. Non son o único en pensar en que para vender, débese estar convencido de ter un bo produto. Ou, se non, ofrecelo como unha alternativa barateira que poda compensar. Facelo doutro xeito, non creo que sexa vender, senón enganar, timar, estafar.
Oubiña e Ribadeo. Oubiña, illa Pancha. Asociados. Illa, Ribadeo, Oubiña, disociados da fariña. Porque diso se trata, non? De que, se Ribadeo está disociado da droga, por que non el tamén, un home nunha furgoneta nun lugar turístico, presentando un libro?
Ningún comentario:
Publicar un comentario