Coincidencia
Coinciden nestes días dous conxuntos de novas que, negándome a un cualificativo desesperante como descorazoadoras, non son en absoluto para botar foguetes. Trátase por unha beira da aparición de grans de material plástico nas praias galegas, da Mariña ás rías Baixas, e por outra, da diminución da flota pesqueira, en particular, mariñá.
Coido que ambos grupos de novas están relacionadas e teñen longas derivacións.
En canto ó primeiro grupo, despois do Prestige, parece que estiveramos ante outro evento para dicir ‘nunca máis’. Como se di agora, berrando, NUNCA MÁIS!, sen que o berra teña que significar máis contundencia que o dito interiorizado, mesmo calado con rabia. Cun corredor náutico como o que está á beira de Finisterre, difícil será que non siga habendo desastres ambientais cunha certa frecuencia. O que é evitable é a xestión que se está a facer. Non é só que as autoridades galegas foran alertadas vinte días antes de que apareceran os grans plásticos na Mariña, de que houber algún movemento da Xunta, de que a prensa subsidiada non diga nada dese feito, que a iniciativa ata o de agora se limita basicamente a saír na televisión de diversos xeitos ou que se tente usar como arma política pedindo unha axuda para despistar fronte a unhas eleccións próximas, -unha axuda para a que non se puxeron os medios legais antes de pedila- senón que a descoordinación campa na resposta, co voluntariado autónomo como punta de lanza e única realidade de resposta e apoio sen unha articulación planificada dos concellos como único soporte no momento que isto escribo. Por suposto, a nova sobre falta de vixilancia de infraccións no mar está desaparecida para o caso, o mesmo que se fai fincapé no efecto nas praias e non aparece por ningures que toda a merda que chega a elas estivo polo mar adiante, por onde segue outra que pode tardar aínda en chegar.
Vos diredes. Non teñen relación cousas como o ter a superficie mariña chea de merda e que a pesca sexa peor e menos rendible? Ou é que por intereses diversos teñen que quedar en compartimento estanco?
Ningún comentario:
Publicar un comentario