20240118

Comunicado da plataforma 'Eólicos, así non'

    Adxunto o comunicado que recibín onte sobre a actualidade dos eólicos na provincia de Lugo e algunha relación que se pode observar. Os destaques no texto son meus: 

Solpor nun parque eólico en Abadín. Collido de Commons, feito por iamato, lic. CC BY 2.0

Eólicos, Alcoa e Rock and Roll

    Os pasados días 7, 8, e 9 de decembro publicáronse no BOE as resolución do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) nas que se formula a declaración de impacto ambiental dos Polígonos Eólicos “Ventisca”, “Boura”, Monzón”, “Borrasca” e “Levante” e as súas infraestruturas de evacuación. Estos Polígonos Industriais Eólicos, afectarán aos seguintes municipios da provincia de Lugo: As Nogáis, Becerreá, Triacastela, Baralla, Baleira, Pol, Ribeira de Piquín, Meira, A Pastoriza, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá, Foz, Alfoz, Cervo e Xove. Todos eles foron promovidos por sociedades unipersoais do Grupo GREENALIA

    Esta avaliación ambiental do MITECO é positiva aínda que esixe cambios na maioría dos muíños no caso do polígono “Borrasca”. Sorprende que, nas propias resolucións do MITECO, se indique, que a avaliación de impacto ambiental está realizada sobre a documentación presentada polo promotor. Esta documentación non aporta ningún traballo de campo detallado senón que se limita a fórmulas estereotipadas. Sorprende tamén a desidia de moitos concellos afectados polos proxectos que ao seren consultados, nen sequera se molestaron en dar unha contestación, foron máis da metade nalgúns dos casos.

    Trátase duns polígonos eólicos que están fora do plan sectorial eólico de Galicia, é dicir, en áreas nas que non está permitida a construción destas infraestruturas. Este é o motivo polo que a empresa promotora paralizou en xullo do 2022 os trámites xa iniciados á espera de que a Xunta de Galicia lle concedera a excepcionalidade “por tratarse de proxectos con clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, e por ter unha función vertebradora do territorio”. Esta excepcionalidade baséase ao parecer nuns supostos contratos para abastecer de enerxía barata á fábrica de Alcoa de San Cibrao.

    Desde as Plataformas asinantes queremos destacar que: Os estudos de impacto ambiental son claramente insuficientes e sesgados, xa que están realizados pola propia empresa promotora e avaliados posteriormente polo MITECO sen tempo nin persoal suficiente.

    Estanse valorando como catro (cinco con”Levante”) polígonos eólicos distintos o que claramente é un único polígono eólico coa súa vía única de evacuación, dándose así unha fragmentación artificial e ilegal dos mesmos.

    Os prazos e os procesos son cada vez máis rápidos sen dar ningunha opción de participación ás persoas e comunidades afectadas, vítimas de decisións que teñen máis a ver cós intereses dos grandes grupos industriais que coa situación da xente que vive nas zonas afectadas.

    Estamos a falar dunha grande afectación a zonas rurais con grande potencial agrario e turístico (no caso da costa) que de feito, están a vivir un rexurdimento poboacional, que quedaría, senón truncado, seriamente danado coa instalación destes polígonos.

    Dado que o motivo de permitir estes polígonos en zonas fóra do plan sectorial é o abastecemento de enerxía a Alcoa, hai que dicir que Alcoa está incumprindo sistematicamente todas as promesas feitas tanto aos seus empregados como ás Administracións. A propia Alcoa comunicou en varias ocasións que non ten intención de cumprir cós compromisos de inversión pactados coas Administracións Públicas e cós traballadores, e non vai retomar a produción de aluminio ao ser inviable por carecer de clientes e ter unhas moi importantes perdas acumuladas que se acrecentarán nos próximos anos. Ao que hai que engadir que chegou ao final da súa vida útil a xigantesca balsa de lodos tóxicos que ocupa 90 hectáreas e que unha hipotética rotura do dique de contención podería provocar unha catástrofe medioambiental de dimensións inimaxinables. Somos moita a xente que estamos a pensar que Alcoa está xogando con nós, para atender en exclusiva os seus millonarios intereses.

    Por todos estes motivos e máis, as organizacións ambientais, asociacións, veciños afectados, a sociedade civil e os seus servizos xurídicos xa estamos traballando e mobilizándonos para tentar frear este despropósito que só busca o enriquecemento duns poucos, sen unha auténtica planificación do territorio que permita a coexistencia pacífica das enerxías renovables co respecto á biodiversidade, ao territorio e á poboación, e conte coa participación de todos os afectados.

    Gustaríanos propoñerlle un xogo a quen nos está lendo. Recorte e garde este artigo, e volva lelo pasados dous anos, ou catro como moito. Repase todas as novas dende hoxe ata entón en relación con estes “Parques” eólicos, e observe a quen beneficiaron e quen saíu danado, mire onde se atopan nese momento cada un dos protagonistas, e saque as súas sus propias conclusions.

    Plataformas asinantes;

Plataforma “ Eólicos na Mariña. Asi non”

Plataforma “Alto Miño. Eólica Así Non”

3 comentarios:

Yo escribo dixo...

O crecemento da poboación na Mariña é totalmente estacional, completamente asociada ó turismo que parece que é a única actividade que vos importa. O fin de Alcoa e outras industrias, a loita que levades continuamente contra o sector da madeira, é o fin do crecemento da poboación que pode vivir todo o ano na Mariña. A xente ten que marchar fora buscar traballo. Aquí solo quedarán camarerios, camareriras, cociñeiros e cociñeiras para atender ó turismo que parece que cada ano non é suficiente e cada ano quérese medarar canto máis meior. Porque se instalen esos parques eólicos, non vai reducirse a poboación, a instalación de esos parques eólicos supón un ingreso anual durante 30 anos (crecemento anual según a inflación) para os propietarios dos terreos afectados. Esa parte non a contades, porque non vos interesa que se entere a xente. Non todos podemos vivir do aire como facedes algúns.

agremon dixo...

Como non está identificado quen escribe o comentario anterior, non podo preguntar directamente a quen se refire. A min, como mantedor do blog ou a quen me enviou o comunicado? Pola miña parte, a pesar de que no comentario estimo algunha contradición interna, apunto que os turistas son estacionais, pero non son poboación. Que a mesma Alcoa pasa dos muiños que di que lle son necesarios e ten confundido mesmo ó comité de empresa que a defendía todo o que podía. Que as afirmacións que fai o comentario, polo menos algúns aspectos, necesitan ser respaldadas por datos que polo momento parecen máis ben estar en contra de que os muíños fixen poboación. Que os terreos afectados non son só aqueles nos que se instala o pé do muiño. E que o de vivir do aire parece máis ben ser a defensa de quen pretende os muíños de vento para obter un rédito que de quen se opón.

agremon dixo...

Como apostilla ó anterior, dous días despois, unha ligazón: https://www.eldiario.es/economia/espana-vaciada-mueve-eolica-solar-e-hidroelectrica-contribuyan-impacto-territorio_1_10857338.html