20240102

Constitución acordeón

Constitución acordeón

(...) Persoas con discapacidade, ¡abre a muralla!/

Estado federal, ¡pecha a muralla!/

Límite de gasto, ¡abre a muralla!/

Referendo, ¡pecha a muralla!/ (...)

    A canción da muralla, de Víctor Jara, acaroada á Constitución española, dá pé a coros como o de arriba. Remata de abrirse, hai uns días, un proceso rápido para un pequeno cambio, dunha soa verba, na Constitución. Cambiaron os tempos e as ideas, e a verba considérase ofensiva ou algo semellante. Non me paro en que o sexa ou non, senón no feito do cambio. Un proceso no que o pobo, a xente, nós, non é que teñamos ou non que dicir, senón que, polas canles democráticas, será como se non tiveramos nada que dicir. Peor. Xeneralizando, é como se a Constitución fora cousa dun par de grupos sen relación coa votación popular e algo que se pode cambiar de xeito sinxelo.

    Por outra banda, a vontade dalgún outro cambio ofrécese como algo imposible, porque a Constitución entón parece ser algo que non muda, e polo tanto, inmutable por nós, simples mortais.

    Unha lei magna de dúas faces. Unha, a Constitución que impón o ser a lei básica, por riba de toda norma e ata case por riba de si mesma, e outra, a constitución, sen maiúscula, que se pode cambiar a gusto do consumidor adecuado. Ambas posturas teñen un punto en común: nin nunha nin na outra a xente contamos, unha vez expresado o voto inicial ó conxunto (imposible facelo apartado a apartado) de xeito favorable por algunha parte da xente vai para medio século: 'o que se dá, non se quita' cando convén.

    Iso de que non se quita inclúe tamén a interpretación, claro. Ó fin, todo o mundo sabe que as leis hai que interpretalas, e os encargados de facelo -'separación de poderes'?- non ten por que ser neste caso quen as votou.

    Visto así, parece o tema dun secuestro. Un no que, ademais, a xente vese compelida a desenvolver un sentimento de agradecemento ós secuestradores por telo efectuado, a modo dunha 'síndrome de Estocolmo' tradicional. Secuestro, por outra banda, dunha vontade que por sorte ou por desgraza (de todo hai) é cambiante. Un cambio equivalente ó que fixo posible a revolución francesa, pero tamén ó que facilitou a chegada de Hitler ó poder absoluto en Alemaña. Un cambio que se tenta forzar cando a determinados poderes non lles gusta a situación, mentres se tenta evitar e se reprime cando a situación lles é favorable sen cambios.

    Isto é a vida. Pero, non pode ser desenvolta algo mellor do que o é?



Ningún comentario: