20240126

O Sol de inverno tamén quenta

O Sol de inverno tamén quenta

 

     O Sol de inverno tamén quenta, dando un paseo mentres se desfruta da paisaxe, sentado nun banco en conversa ou nunha terraza tomando algo... Nótase máis así que traballando, aínda que nese caso, o contraste coa chuvia ou vento desatados no frío é maior.

    Nunha negociación seguro que pasa algo semellante. Refírome a que cando un está dentro, os contrastes son máis evidentes, pero desfrútanse de xeito máis contido, mesmo acadando un acordo 'definitivo' que, con remorsos anteriores, nunca se está seguro de que se chegue a cumprir.

    Como exemplo destes días, deste outono-inverno, o futuro da fábrica de Alcoa en San Cibrao. Dende hai tempo o comité máis ou menos viña demonizando a quen poñía as cousas claras, os puntos sobre os i, ó indicar o desleixo do tratamento de temas como a contaminación producida ou a balsa de lodos ou a vampirización das axudas. Non é porque foran temas alleos ó comité, que podía escudarse en que non eran de incidencia directa no traballo/emprego, e deixalos a unha beira. Non, tratábase/interpretábase como un ataque contra a empresa, coa que facían piña en defensa dos seus propios intereses; logo, contra eles. Mais, co paso do tempo, imposibilidades diversas son esgrimidas pola corporación como motivos de incumprimento de pacto, tratando, unha vez máis, de muxir a vaca común para exportar o leite ós USA mentres poda que se permita que algúns queden de muxidores recibindo couces de paso que se levan algo do leite xa desnatado.

    Hai tempo que non sigo polo miúdo os avatares da negociación-enfrontamento de traballadores e empresa. Empresa, que non xefes ou empresarios. E traballadores -directos-, que non xente, sociedade afectada.

    Aledaríame unha solución. Unha solución que contribuíra ó emprego e á riqueza da zona. Pero non só en cartos, que illados son un xeito de pobreza, senón tamén riqueza ambiental, nun benestar que permita unha diversificación que asegure o futuro no sentido económico pero tamén no de mantemento da nosa Terra.

    Nestes tempos convulsos, xa estremos, as solucións non son doadas de atopar, e mesmo pode que non se presenten como solución directa, ou non guste: ó fín, variar o que a xente está afeita sempre trae problemas de adaptación.

    Aínda que nos anos bos se fixeran cousas malas, o Sol de inverno tamén pode quentar...

Ningún comentario: