20240127

Xerión. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

XERIÓN

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O mitolóxico xigante herculino (cuxa caveira mesmo figura no propio escudo da cidade e no faro romano máis antigo do mundo en activo) viralízase. A proliferación de caveiras por todos os recantos urbanos provocou que foran nominadas na 14ª edición dos galardóns Gràffica da cultura visual española.

    Comezaron a confeccionarse con teselas formando mosaicos, pintadas con xiz ou feitas con cinta adhesiva. Con forma de bandeira pirata ondearon no porto. A súa creación é anónima e colectiva, efémera e mimetizada con muros, valados e portas, converténdose xa nunha icona da paisaxe urbana.

    As súas orixes cromáticas reducíanse ao azul e o branco, ampliando posteriormente a gama de cores. Ante o seu espallamento descontrolado, o concello decidiu retiralas ante algunhas (poucas) protestas da veciñanza para despois enmendarse a si mesmo e pasar a conservalas e potencialas.

    Estas artísticas caveiras non só teñen unha finalidade puramente estética. Tamén teñen como función denunciar a mercantilización do espazo público e promover a liberdade de expresión e creación. Son o vivo exemplo de como un simple deseño popular pode crear unha verdadeira identidade colectiva.

Ningún comentario: