20240216

A emigración da paz

A emigración da paz

    Hoxe, cando escribo isto, é o último día de campaña electoral. Pasado mañá, 18F, toca votar, aínda que se pode pasar, como unha opción máis.

    Mañá, sábado, será día de reflexión e non quero interrompela. Ou sexa: se cando considere rematado este escrito xa rematou tamén este día, nese caso, o escrito non verá a luz en ningures ata luns 19. Así pois, irei ‘polo libro’.

    Mais o libro, ese libro, debe estar mal escrito. Resulta que en Ribadeo, tódolos domingos, vense celebrando unha concentración pola paz (12:30, nas escaleiras da casa do concello) da que tan necesitado anda o mundo. Tenta ser neutra no sentido de non chamarse nin a dereitas nin a esquerdas, senón de chamar a aglutinar vontades coa idea de que o importante é a paz, unha paz que hai que construír e para a que hai que poñer as bases. E, de feito, aínda que non soe ser numerosa, ven xente de decenas de quilómetros á redonda. Pídese permiso para a concentración semana a semana, e, para este domingo, eleccións, resulta que por ser un ‘acto político’ non foi permitida en Ribadeo, polo que se traslada a Navia, en Asturias. Alí non hai eleccións, logo pode pedirse a paz... Hai que emigrar para pedir a paz. Galicia, terra de emigrantes para ter futuro, agora tamén o é para poder pedir a paz.

    Non sei se pasará igual noutros lugares. Imaxino que en máis dun, si. Pero iso non quere dicir que sexa o adecuado, nin tan sequera, lóxico. Pode dicirse que iso de pedir só a paz para Palestina (así pode malinterpretarse o dicir do cartel da convocatoria difundido esta volta) é política de groso calibre. Por que non para a Ucraína, por exemplo, xa que foi o anterior ardor guerreiro animado polos medios? Por que a bandeira palestina e non a israelí? Poderíase argumentar que están en loita uns contra outros... Despois mesmo de ter sido reclamado un alto o fogo varias veces, con desestimación por parte do goberno israelí, ou de falarse a nivel ONU de masacre e xenocidio palestino, coido que o texto está xustificado aínda que opine que mellor ningunha referencia ningunha guerra, ou que eu non poñería a bandeira. Nin esa, nin a ucraína, nin ningunha. E non porque as bandeiras non sirvan ou porque estea contra delas, senón porque como símbolos poden dar lugar a malas interpretacións. E non fai falta máis alboroto, que xa hai de máis nas loitas múltiples ó longo e largo do mundo.

    Pero, indo ó feito sinalado no título: pedir a paz pode considerarse unha opción política? Non é simple humanidade? Manter esa postura, aquí e agora, non é raro -vai en liña con- que por estes lares siga vixente unha lei que amordaza as protestas, mesmo pacíficas, cando contrarían a algo ou alguén que ten poder para activala.

Ningún comentario: