20240221

Falar

Falando. Foto de Bernd Schwabe in Hannover, collida de Wikimedia Commons.
 Falar

    De antigo, falar foi o xeito máis normal de comunicarse dos humanos. Falar de xeito directo, sen intermediarios. Ista última precisión é importante: se hai intermediarios, pérdese o control da conversa de extremo a extremo. Ese control foise perdendo pouco a pouco precisamente pola intermediación. Comezou coa escrita, na que o medio, o papel, podía quedar noutras mans e polo tanto, desaparecer, borrarse de xeito intencionado, variar o escrito...

    Ter intermediarios non ten por que ser malo. Pode facilitar a comunicación facela máis persistente, permitir o seu rexistro, etc. O caso é que si, implica unha perda de control. Co teléfono a cousa non foi a mellor. Non só a mensaxe podía quedar (nos primeiros tempos) na cabeza das telefonistas, senón que, dese xeito, quedou demostrado que co novo medio, aínda sen técnicas avanzadas, podía ser interferido e intervido, cruzarse conversas, filtrarse información, ou sinxelamente, impedir a conversa por desconexión. É dicir, destruír a comunicación e illar á persoa.

    Evidentemente, dende a automatización do proceso mediante internet, a comunicación diversificouse de múltiples xeitos e a través de múltiples canles. E as conversas poden ser mediatizadas, extraídas do seu contido, cesadas, imitadas ou deturpadas de moitos máis xeitos. É dicir, de novo, máis facilidade para destruír a comunicación ou illar á persoa.

    Agora mesmo, un caso particular: remato de ler que a conta en X da viúva de Navalny, o opositor ruso morto nunha cárcere dentro do círculo polar, foi inhabilitada durante varias horas, aínda que volveu a estar dispoñible máis tarde. Por? Polo que di a compañía, ‘por un erro’. E xa está. O erro pode ser unha decisión errónea ou ou erro de conexión, entre outras posibilidades. E o esnaquizamento da comunicación sufrido nese tempo? Ah! O caso é que está ‘xustificado’ que unha persoa perda a conexión sen máis. A min mesmo, xa teño apuntado que Facebook tenme secuestrado os meus datos, sen darme oportunidade de retiralos da rede ou de avisar ós meus contactos de que xa non teño acceso a esa rede social, se non paso polo aro que me pon. En teoría, sería algo moi doado de amañar: aí está a lei de protección de datos e a axencia correspondente. Na práctica, máis dun trimestre despois, sigo sen solución, tras usar paliativos como intensificar a miña comunicación nunha rede libre, Mastodon, comunicalo á xente da que teño contacto por Telegram, etc.

    Por iso, o bo da independencia, da existencia de múltiples canles e da apertura de comunicacións non dependentes de compañías, sen relación de dependencia con empresas e robustos fronte a ataques, é que sempre tes liberdade, un pequeno burato para moverte cando non tes poder e tentan esmagarte. Nin as compañías de medios (que elaboran e dirixen a mensaxe) nin as de redes sociais (que os usan e manexan ó seu antollo sen límites a pesar das leis) che deixan ese burato a non ser por despiste, tamén, ‘por erro’. Algo que está a empeorar pola introdución das mal chamadas IA, que dificultan a identificación da realidade separándoa da ilusión mentireira fabricada de xeito instantáneo, mesmo en vídeo.

    Mentres, o falar de xeito directo, tranquilo, pensado, vendo todas as reaccións producidas na linguaxe corporal... estase a facer máis raro. Por certo, ‘isto’, esta comunicación, non é ‘exactamente’ falar...

Ningún comentario: