Bombeando petróleo. Foto en DP, collida de Wikimedia Commons. |
Tres contra o mundo?
Hai unha certa tendencia a querer convencernos de que o 28 COP, o 28º Cumio polo Clima desenvolto hai un par de meses en Dubai, foi un éxito. Ou ó menos, que 'non pode cualificarse de fracaso'. Despois de 27 incumprimentos, o mesmo número que cumes previos, coido que si, que polo menos temos fundamento para as nosas dúbidas, xa non sobre o resultado anunciado, senón sinxelamente de que a cousa teña valido para algo. Por certo, Dubai, que era o organizador neste caso, por se non se lembra, é un estado rico en e por o petróleo.
Pero, ó tempo, tamén criamos que había que intentalo, que hai que intentalo todas as veces posibles porque non hai alternativa á vista a tentar poñer un chanzo para salvar o planeta e a nós con el. Aínda que o xefe do cotarro fora tamén o presidente dunha compañía pouco interesada en cambiar o statu quo -máis ben ó contrario, interesada en mantelo-. Pouco interesado en reducir as emisións de CO2. Aínda que o planeta 'faga augas' por moitos sitios, a máis da emerxencia climática. Coa guerra sempre presente e nunca vendo esvaecerse o perigo de destrución mutua total. Sen esquecer o esgotamento dos recursos naturais. Tendo presente a contaminación de terra, mar e aire por substancias diversas, de hidrocarburos a velenos pasando por microplásticos. E mesmo deixando á beira outras contaminacións que poden parecer menos importantes, da luminosa nocturna ou ruído continuo que entolean á natureza e enganan ás persoas, á do espazo, no que os refugallos espaciais dificultan cada vez máis o noso futuro aló arriba, de viaxes espaciais a telecomunicacións. E aínda considerando só algo derivado a cousas como a violencia e a fame. Por suposto que todos son problemas. Mesmo graves. E aínda que podamos percibir claramente algúns como peores ca outros, todos -pódese amosar- son urxentes. Todos demandan solución. Pero si, a emerxencia climática tamén emerxeu xa hai tempo como moi urxente, e dende aquela a temperie segue a bater marcas cada vez máis ameazantes de temperaturas, de ventos, de secas ou de chuvias torrenciais, todo á vez.
Ben, pois pouco despois dese cumio no que o que se logrou foron unhas cantas verbas para dulcificar e desculpabilizar o que todo o mundo sabe, seguimos a ter a percepción de que, como noutros casos, un puñado de xente empurra ó conxunto ó desastre nunha versión moderna e adaptada daquel 'ande eu quente e ríase a xente' de séculos pasados. E así, sen quitar a pouca ou moita culpa que todos temos, salienta o título dun libro recén editado que chegou con só tres compañías para impoñer criterios nas diversas cumes do clima. Serían estas Aramco, Gazprom e China Energy. Tres contra o mundo, aínda que estean acompañadas doutros moitos intereses: non creo que Repsol, Exxon ou Shell, por dicir outras tres, estean fóra de sospeita. E non, tampouco sería lóxico quitarnos de riba a parte que nos corresponda, como país, vila ou individuo, por ínfima que sexa en relación ó total de culpa. Pero choca que se dé conta dun pico de contaminación en Lahore, Paquistán, a cidade máis contaminada do mundo (ó mellor non te decataches, que había outras cousas nas noticias), ou dunha nova marca de contaminación de CO2 a nivel mundial (un 1,5% máis que o ano pasado polas mesmas datas, pode que tampouco te decataras) xusto nos mesmos días nos que se escoita que hai que volver ó motor de combustible tradicional porque os motores eléctricos (ben, iso non, sería demasiado), os coches eléctricos, non dan bo resultado...
Despois de todo, si, tres (aínda que sexa ‘e pico’) contra o mundo que tentan convencer mentres seguen a chupar...
Ningún comentario:
Publicar un comentario