20240202

Xa está o chío de febreiro na praza do Campo

    Onte colgouse o número de febreiro da revista Chío (n. 27). Deixo só a portada e a miña colaboración. O resto podes descubrilo ti.

 
 Chío mariñán: mar por medio

    Unha das cousas que mellor define á Mariña non está dentro de si de xeito físico, senón alén da súa fronteira: o mar. Falamos de que imos de Ribadeo a Viveiro, e estamos a presupoñer que imos por terra, polo territorio. O mar, na xeografía sobre o mapa, está aí, á beira.


    Mais os mapas, tan representativos e útiles ás veces, outras non permiten capturar o importante, ou ó menos o que pretendemos salientar. Así, no espírito, no inmaterial, o mar está dentro, no interior do que poderiamos chamar ‘alma mariñá’. A súa chaira inmensa comunica Ribadeo con Inglaterra, ‘Mar por medio’, como enuncia o título das xornadas culturais nadas na vila de Ribadeo, antigo porto ó abeiro da idea dunha comunicación particular de Galicia co alén (en singular, a través do mar). Pero o mar tamén alisa o camiño: par decatarse non é necesario máis que ver a costa entre Ribadeo e San Cibrao, incluída Burela ou Foz, Fazouro, ou calquera deses lugares límite coñecidos como praias, rochedos ou cantís. De tal xeito é así que mercede a unha especie de mar interior contemplado na nosa mente, aínda que os quilómetros de costa entre Tapia e o Barqueiro son recorridos en máis tempo de viaxe que os equivalentes en distancia a Lugo, sono en menos tempo psicolóxico, están moito máis achegados na psique e sociedade na que estamos inmersos. En moita menor distancia mental mercede a ese mar, en certo xeito lago interior no noso interior, que é o Cantábrico.

    De feito, en tempos, a comunicación por mar facilitaba a relación entre os portos mariñáns, Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Viveiro, O Vicedo, cunha avantaxe sobre a terra, configurando así unha semellanza e unha ligazón que se estende no tempo ata hoxe.


    Pero non só é o mar unha idea como unión. Éo tamén como alimento ou profesión e procesión. Como alimento: Celeiro ou Burela quedan hoxe como importantes, pero ó fin, como restos modernos dunha actividade que durante séculos e de diferentes xeitos se estendeu ó logo de toda a beira mariñá, de Rinlo a Morás, pasando por San Cibrao. Unha vibrante vida mariñeira que en pouco máis dunha xeración foise a pique, deixando restos culturais como testemuña, case como ferida no corpo social. Como profesión, dura pero en certos momentos cobizada por outras xentes que manexaban rendementos pecuniarios moito menores. Profesión que, aínda baixando de número de profesionais, ten necesitado durante décadas de xente de fora para traer a riqueza do mar á costa de paso que aportaban a súa amalgama á riqueza cultural da área. E procesión, tamén, si, no sentido de que ‘a procesión vai por dentro’ fronte a un mar sempre incógnito, ás veces proceloso e de novo, sempre, temible, ó tempo que, por igual, temido e querido.

    Si, o mar debuxou a costa e non só nos rochedos, as praias, as rías. Tamén o fixo na xente que a habita. Xente que, aínda non sendo mariñeira, hai pouco aínda distinguía os seus campos dos do interior pola ouca e as algas que aproveitaba do que rexeitaba o mar. E si, o mar marca tamén ó conxunto de ‘mariñáns de interior’ como unha transición entre o mar e as xentes, e a terra e as xentes máis aló dos cordais.


 

Ningún comentario: