As leis, para quen as traballa
Así parece ser. Quen se ocupa delas, fainas á súa medida. Comezando polos políticos nos foros que as redactan ou as aproban, goberno e cámaras representativas -pode que un pouco máis amplas de medida se se din representantes democráticos, pero dá a impresión de que cada vez menos-. Continuando cos xuíces que Xulgan sobre o seu texto e deciden segundo o seu xuízo (está claro que, nese caso, non as 'fan', senón que as 'afán' ca súa interpretación). E claro, para rematar, tendo sempre presente que uns e outros vense agasallados, puxados e tamén empurrados (algo así como o da aplicación do 'pao e cenoria') pola xente con fortes intereses, cartos e poder (que veñen ser xeitos diferentes de dicir a mesma cousa)
E, quen inflúe nos xuíces, nos lexisladores... está por riba, a modo dunha capa superior, como 'meta facedor de leis' ou 'meta lexislador'.
Cada vez é máis visible, máis frecuente poder ver o retorcemento da lei, de xeito sistemático para unha ou outra beira segundo a quen lla haxa que aplicar. Polo menos, esa é a percepción que os non versados temos do que está a ocorrer e que remata por afectarnos aínda que algunhas das decisións parezan lonxe da nosa vida. Si, rematan sendo lonxe da nosa vida tamén por onde e coo son tomadas. Podes deixar morrer miles de persoas, e aínda así, estar dentro da legalidade. Pero naturalmente si estarás cometendo un crime se non acodes en axuda dunha soa á que non puxeches ti nun mal paso pero tocouche estar nun lugar e tempo próximos. Ou podes envelenar a auga de toda unha zona cunha macrogranxa coa única intranquilidade de ter que aguantar os berros dos veciños, pero non tumbes unha árbore á beira dun río, que naturalmente te metes en problemas coas leis de medio ambiente feitas para protexerte tamén a ti. Tamén, podes manifestarte e ameazar de morte ó xefe do goberno sen que che pase nada grave despois dunha investigación por xente próxima a ti, pero ai de ti se dun xeito pacífico tentas facer un cordón arredor dunha institución que debera estar a representarte, porque podes fundir a túa vida. De xeito parello, podes mentir e facer que a maquinaria xudicial se poña en marcha contra quen é acusado polas túas mentiras, mentres que se estás 'do outro lado' poderás ser acusado de mentir pola estrutura xudicial, xa de oficio, aínda que digas verdades que outros din que non se poden dicir... A solución xa dirá a súa verdade, aínda que sexa tempo despois de caer como unha lousa sobre a túa vida. E así sucesivamente.
Si, xa sei que todo o anterior pode ter as súas reviravoltas en cada caso particular, e que un caso é diferente do outro e do outro máis. Pero tamén sei que esas particularidades non invalidan a diferenza de trato que estou a sinalar.
Non sei por que, venme á cabeza aquela xustificación por tradición: ‘sempre se fixo’. Pero non, nin ten por que terse feito ‘sempre’ nin ese sempre (é dicir, en realidade, 'ata o momento') sería xustificación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario