Hoxe, pola paz
Ata trinta persoas congregámonos hoxe nas escaleiras do concello de Ribadeo. O motivo, igual que os domingos anteriores, o reclamar a paz, o lembrar que hai que constríla, o lembrarnos a nós mesmos a súa necesidade. Primeiro, eu mesmo, logo Evaristo, Jesús Irigoyen e Xosé Ángel Salvatierra, dixemos unha palabras sobre a paz, sobre o transcurso de diversas guerras, mesmo esquecidas como no Sahara, sobre a hipocresía arredor das guerras, sobre a existencia de diversos grupos pola paz, ou desexando a mellor elección ós portugueses en eleccións, antes de lembrar que o próximo domingo estaríamos alí mesmo e coa mesma idea, e rematar co Grândola, vila morena que xa é tradicional nestes encontros.
Non fixen gravación, pero no meu caso levaba un apunte que me servirá agora para tentar achegarme ó que dixen:
En primeiro lugar, lembrar para que estabamos alí. A procura da paz, a lembranza da necesidade, o traballo de construción, das condicións para que teña lugar.
Logo, lembrar e lembrarme que non son antisemita, pero creo que o estado israelí é criminal. Non son antiruso, pero penso que Rusia agrede a xente do pobo na Ucraína. Non son antipalestino, pero Hamás perpetrou unha matanza. Non son antiucraíno, pero o estado ucraíno castigou ó seu propio pobo no Donbás.
Lembrar que, como di a canción, 'As cousas son importantes, pero a xente o é máis. Viva a xente!'
Cousas que nos lembran que as estruturas de poder moitas veces están contra as persoas. Claro, esas estruturas están ruladas por xente con moito poder e intereses moi fortes. Con cartos, medios de difusión, exército... contra, pola súa propa vontade, pobos moitas veces desinformados e sen defensa equivalente.
Lembrar tamén que dende a segunda guerra mundial, 158 000 millóns de dólares foron transferidos de EEUU a Israel en 'axuda militar', a maior transferencia de tal tipo de fondos da historia. É dicir, dende o Irgún, banda extremista predecesora do Tsahal, do exército israelí, e a explosión no hotel Rei David de Xerusalem en 1946, con máis de cen mortos. E pregúntome, que porcentaxe desa cifra de 'axuda' representa a axuda humanitaria sobre a que están a bombardear mentres a xente tenta recollela para sobrevivir? E, que absurdo de intereses mantén o absurdo de axuda para armas ó tempo que a 'axuda humanitaria'?
Ningún comentario:
Publicar un comentario