20240620

50 m de Porcillán

    Escrito para o libro das Festas do Carme 2024:

50 m de Porcillán

    Hai veces que Porcillán antóllase tranquilo, mesmo diríase aburrido. 29 de maio a media tarde: a ría iluminada, boa temperatura, pouca xente, a máis dela sentada no mariñeiro ou nos bancos fronte á ría, embarcacións deportivas por medio. Sería un deses días. Mais chega con mirar á fronte, ou a unha beira, ou detrás, ou á auga, ou ó ceo. E xa tes unha visión que enche.

    Un pequeno lugar que, tamén ás veces, parece o centro do mundo. E non só para quen por alí viva ou traballe, senón tamén para quen pase con calma, saboreando o lugar.

    O lugar, o sitio. A súa importancia foi recoñecida en abstracto -a importancia de ‘un’ lugar- pero tamén, neste caso, en concreto -o lugar de Porcillán-.

    E non fai falta remontármonos ás orixes do ‘Portus Iulianus’ que nos podería ilustrar José María Rodríguez, entre outros, ou ás vivencias que nos podería lembrar Pancho Campos, tamén entre outros, ou ás primeiras fotos tomadas do lugar que nolo refiren cheo de vida, ou as varias referencias que fai Paco Lanza nos seus escritos, ou… Non, non fai falta. Chega con aproximarnos e recorrer uns cincuenta metros dende que rematan as instalacións do Mariñeiro ata a baixada para embarcar a xente que vai na lancha de pasaxe. Alí, neses poucos metros, hai indicacións abondas da querencia, relevancia ou mesmo da historia do lugar. Por suposto, non está todo, nin moito menos, pero para ser instalacións case todas de medio século acó, pode dar unha idea do por que Porcillán pode parecer ‘o centro do mundo’, o centro dun pequeno mundo.

    Así, baixando do pobo, e na mesma liña que separa o paseo marítimo para caer á auga, se miramos á nosa esquerda, atopamos a Virxe. E xusto antes, un conxunto de sinais con diferentes direccións que apuntan distancias con Porcillán como centro. Si, é un poste indicativo do ‘Camiño Natural da ruta do Cantábrico’ que fixa o tal camiño en relación ó lugar no que se atopa, Porcillán. Que existan postes semellantes en moitos outros lugares non quita que este en concreto apoie esa centralidade para nós do antigo Portus Iulianus.


    Como dixen, xusto á súa beira, a Virxe. A Virxe cuxa festa no 2024 dá lugar á publicación desta publicación que tes nas mans, nunha efixie que é unha homenaxe de ‘o CASIP aos homes e mulleres do mar’, lembrando a súa relación secular das xentes coa patroa dos mares. [CASIP: Centro de Actividades Subacuáticas Illa Pancha]

    Ao pé da Virxe, un banco. Orientado case ó sur, permite recibir o Sol pracidamente. Mais aínda que ten boa vista, outro compañeiro máis adiante faille a competencia con avantaxe.

    Seguindo un par de metros máis despois da Virxe, na mesma parede na que o banco recala, unha placa lembra unha tripulación. Nela aparecen nomes, mais sendo particular é unha de tantas que se podería recoñecer. E a placa pasa así, máis que a ser un recoñecemento específico, que tamén, a ser un símbolo de homenaxe ás xentes que durante séculos alí se botaron á mar.


    Uns metros máis e o caleado pé dunha casa infórmanos mediante unha peza de Sargadelos que estamos no peirao de Porcillán. E, baixo dela, tamén manufactura de Sargadelos, somos informados de que as obras de construción do ‘actual’ peirao comezaron en 1884 e duraron cinco anos. Antes, os barcos fondeaban na ría e as mercadorías eran trasladas en barcazas ata unha rampla. Preto dela estaba o antigo consistorio, que non en van o lugar foi o centro neurálxico de Ribadeo. O citado como ‘actual’ peirao ten acollido dende aquela varias reformas.


    Seguindo uns cantos pasos, nas mesmas escaleiras que sinalan a baixada a Porcillán, somos informados de novo, nunha ambigua mención coa correspondente factura de Sargadelos, de que estamos no Peirao de Porcillán Víctor Moro.

 

    E non temos máis que dobrar a esquina para atopar o mural que sobre a vida de Calvo Sotelo espera a quen queira mirar. Inaugurado o 3 de maio de 2009, un ano despois do seu pasamento, e construído ‘por subscrición popular’, o que foi Presidente do Goberno e é alcalde honorario enfila a ría dende el. E faino tamén sobre outro banco, este orientado cara ás Figueiras, ría por medio. Banco das mentiras? De seguro que si, alí se teñen contado moitas. E verdades. Mirando á ría e ó mar, con avantaxe de miras fronte ó anterior citado.


    Tirando para embarcar nesa ría, na protección da antiga enseada protexida no 1884, outra placa de Sargadelos infórmanos outra vez máis de que estamos no Peirao de Porcillán. É dicir, no lugar dende, antes de ser peirao, Ibáñez trafegaba coas súas mercadorías.


    É a final das indicacións que comentaba ó comezo. Mais un final ó que se chega tras pasar outra indicación sinalando que o 20 de xullo de 1981 o agora emérito Rei e Dona Sofía alí desembarcaron e fixeron unha visita a Ribadeo, actuando Leopoldo Calvo-Sotelo de anfitrión. E final tamén onde espera a lancha de pasaxe para se se quere facer un recorrido máis aló de terra.

    Un treito de cincuenta metros que pode levar un bo tempo recorrelos se apreciamos todos os detalles que ofrece. Os ditos e moitos máis que se poden observar de vagar.

Antonio Gregorio Montes

Ningún comentario: