20240629

ALCOA, UN PROBLEMA PARA A NOSA SAÚDE. Pablo Mosquera

ALCOA, UN PROBLEMA PARA A NOSA SAÚDE

Pablo Mosquera

A incertidume que vive a factoría de Alcoa afecta a todo o legado que deixa detrás súa, incluíndo a “balsa de barros vermellos”, un depósito onde teñen rematado durante cuatro décadas todos os residuos químicos e non químicos despois de limpar a bauxita para extraer alúmina. Esta alúmina introdúcese en cubas electrolíticas que a transforman en aluminio líquido que se leva ós fornos de fundición para crear aluminio primario.

O transporte destes lodos faise en camión por unha estrada local que acusa xa os anos de idas e vidas destes transportes e a súa carga. A zona está cuberta dunha capa de arxilla vermella que en días de vento soe expandirse por todo o lugar, contaminando as parcelas privadas a máis de ocasionar molestias nas mucosas. 

Agora, e en previsión dun aumento na produción, a idea é ampliar a balsa para aumentar o almacenamento. “Claro que hai auga nesa balsa de barros, pero é augua procedente da chuvia e de regatos que van a parar alí”. “Esa auga é bombeada a uns depósitos para ser tratada e enviada ó mar a través dun emisario”.

O comité de Alcoa San Cibrao ten informado de que a Consellería de Sanidade catalogou a balsa de barros vermellos (Depósito de barros rojos, DBR) dA Mariña como “residuo perigoso”, polo que agora urxe á compañía a facer inversións para su ampliación.

Nun comunicado, o comité insta a que, á espera do trámite medioambiental, Alcoa aprobe “de forma urxente” a inversión do proxecto de ampliación do DBR ate a cota de 104 metros, catro máis da actual. Esta solicitude do comité procura “comezar de inmediato coa contratación das empresas concesionarias da obra e o acopio de materiais e maquinaria”.

Asociación pola Defensa Ecoloxista de Galicia: “O complexo de San Cibrao é dos complexos químico-industriais máis contaminantes de Galiza e dos que maior pegada teñen sobre o clima polas emisións e os enormes consumos de enerxía que demanda. Consume máis de 3700 GWh/ano de electricidade, o que equivale aproximadamente ao 20% parte de todo o consumo eléctrico de Galiza, ao 65% do consumo eléctrico da provincia de Lugo, e ao total do consumo eléctrico das sete principais cidades galegas. Agora, perante a desaparición da súa principal fonte de enerxía, a central térmica das Pontes, e no marco da transición cara a unha economía descarbonizada, as necesidades enerxéticas de Alcoa terán que ser satisfeitas a partir de enerxías renovables, o cal volvería a condicionar por completo o deseño do futuro sistema enerxético galego e español. Cantos montes, chairas e vales máis teríamos que ocupar con parques eólicos e centrais hidroeléctricas para satisfacer o consumo inxente de enerxía de Alcoa?

No seu proceso de fabricación de alúmina e aluminio, emite compostos gasosos á atmosfera con efectos perniciosos sobre a saúde ambiental e humana, sendo unha das cinco industrias asentadas en Galiza que máis dióxido de carbono emite (1 098 000 tm CO2), entre outros contaminantes: CO 31 000 tm; SOx 3740 tm; NOx 165 tm; HF (fluoruros) 114 tm e 177 tm de partículas PM10, segundo o rexistro estatal PRTR1. Só na fabricación de aluminio emite á atmosfera: CO2 419000 tm; CO 20.600 tm, NOx 207 tm, SO2 3.630 tm, PFC 1,3 tm; Ni 130 kg; Flúor 111 tm , PM10 232 tm.

Non só os sindicatos deben loitar polos postos de traballo. Son ciudadanos residentes na área de influencia da contaminación industrial que verte Alcoa por tierra, mar e aire. Non teñen patente de corso para esixir présa no aumento das dimensións dunha balsa que ten ao menos dous graves problemas. Físico. A acumulación de barros que podan romper o continente e producir unha catástrofe non natural. Eu sempre poño como exemplo lembratorio o que pasou co camping de Biescas, que levaba tempo sendo un risco por esvaramento, anunciado sen o menor cambio para evitar o que sucedeu. Químico. Os compostos que verten ó medio ambiente a transformación da bauxita en alúmina e esta en aluminio.

Non logro aceptar que non se siga unha continuada vixiancia sobre o impacto do medio ambiente na saúde. A Asistencia Sanitaria é unha fonte inmensa de información epidemiolóxica. Pero a máis, os Departamentos que vixían a Saúde Pública dunha Comunidade e as súas comarcas, deben ter moi presente o efecto dos cambios medio ambientais nas enfermidades que se diagnostican e tamén nas causas de morte. Ese aumento do cancro de pulmón que por fin dará lugar a un programa de diagnóstico precoz, como se implantou ou de Próstata ou o de Colon. Aí está a resposta ás sospeitas sobre a relación entre enfermidades oncolóxicas e vertidos procedentes da factoría de ALCOA.

¿E que se pode facer desde a sociedade civil? Non só aqueles colectivos concienciados en defensa do dereito ó patrimonio ecolóxico. As asociacións cidadás deben instar ós Concellos a investigar e persoarse ante ALCOA e esixirlle una información continuada, pero tamén ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, tanto ou máis que ese comité de empresa formado por sindicalistas ós que só parece importarlles o seu emprego e salario mentres disfrutan de privilexios e esquecen os vertidos industriais que se poden ver ou percibir en canto se sae das nosas casas. ¡A súa conduta resulta egoísta!

Pablo Mosquera Mata

 

Ningún comentario: