20240606

Sobre a xuntanza pensionista de sábado 1 de xuño


    O pasado sábado foi a última, polo momento, xuntanza mensual (primeiros sábados de mes) de pensionistas en Ribadeo. Nela leuse un comunicado de Modepen e logo, tamén por Evaristo Lombardero, un pequeno informe relativo á última xuntanza a nivel Galicia. Aquí quedan ambos:

Primeiro, o comunicado a nivel europeo.

Resumo do manifesto acordado no Encontro de Plataformas de Pensionistas e Sindicatos de Europa

As plataformas e movementos de pensionistas e as organizacións sindicais que subscriben este comunicado, pertencentes a diferentes pobos da UE, valoramos positivamente o Encontro realizado en Bilbao e facemos pública a nosa determinación de facer fronte común ás reformas dos sistemas de pensións que se están a impoñer tanto dende as directivas e recomendacións da Comisión Europea como dende os Estados.

Aínda que a situación dos sistemas de pensións nos diferentes pobos europeos non é homoxénea, coincidimos en que as reformas que se están impulsando en relación coas pensións e os sistemas públicos de repartición caracterízanse por:

a) Redución progresiva das prestacións dos sistemas públicos de pensións (SPP), consecuencia tanto da perda de poder adquisitivo dos salarios e o aumento da precarización do emprego, como das reformas lexislativas que afectan negativamente ás persoas pensionistas.

b) Establecemento de pensións mínimas moi insuficientes, cada vez máis desvinculadas dos salarios mínimos en vigor en cada Estado.

c) Perpetuación da fenda de xénero, que se sitúa entre o 30% e o 40%, debido á escasa envergadura das medidas adoptadas para eliminala.

d) Redución da taxa de remprazo das pensións e aumento das vantaxes fiscais e de cotizacións sociais para promover as pensións privadas.

e) Cada vez maior número de pensionistas en Europa ven como as súas condicións de vida empeoran e vense obrigados/as a complementar a súa pensión prolongando a súa vida laboral en precariedade.

f) En definitiva, a voracidade neoliberal para incrementar os beneficios empresariais acentúa o desigual reparto da riqueza producida polos traballadores/as, base do chamado estado do benestar, incrementando os prezos das mercadorías e os servizos, reducindo salarios e pensións e utilizando recursos públicos para mellorar a súa conta de resultados.

Tralos debates mantidos no Encontro, demandamos:

1. Derrogar os aspectos regresivos das reformas que recortan os nosos dereitos e pensións.

2. Garantir o SPP de reparto e ingresos suficientes en cada un dos pobos europeos que permitan ás persoas pensionistas acceder a unhas condicións de vida digna.

3. Aumentar as taxas de remprazo entre salario e pensión, especialmente dos salarios máis baixos.

4. Medidas efectivas para eliminar a fenda de xénero en salarios e pensións.

5. Incorporar na Carta dos Dereitos Fundamentais da UE o dereito a pensións públicas decentes e aos SPP de repartición.

6. Incorporar na Carta Social Europea o dereito a unha pensión pública mínima, concretada polo menos no 60% do salario medio.

7. Reforzar a obrigatoriedade dos Estados a manter unha Seguridade Social satisfactoria e a protexer socialmente ás persoas de idade avanzada.

8. Derrogación da norma europea que regula os plans de pensións individuais privadas.

9. Plans concretos para impulsar a repartición equitativa da riqueza, a creación de emprego de calidade e pensións decentes nos diferentes pobos europeos.

10. Acceso a pensións dignas ás persoas que, malia traballar en Europa, non teñen recoñecida a nacionalidade europea, así como a súa regulación inmediata.

Por todas estas razóns, facemos un chamamento a realizar unha mobilización compartida no conxunto de pobos da UE, que se concretará nos próximos meses.

Estas demandas serán presentadas ao Parlamento Europeo, á Comisión e aos distintos Parlamentos dos Estados membros para o seu cumprimento efectivo.

Como se ten demostrado, a mobilización consegue resultados e é a mellor garantía para conseguir os nosos obxectivos.

Este comunicado está aberto á adhesión de cantas organizacións de pensionistas e sindicatos europeos o queiran subscribir.

Os nosos dereitos non caducan coa idade!

Esta batalla ímola gañar!

Bilbao, 24 de maio de 2024.

E o informe dos últimos movementos nos que tomaron parte xentes de Ribadeo, a nivel Galicia:

O luns seis de maio participamos na concentración de Modepén de A Coruña, fomos 15 e tamén houbo unha concentración en Vigo, formando parte das concentracions en todo o estado español promovidas pola Unidade de Acción e nas que se leu un comunicado cas reivindicacións que vimos defendendo nos últimos anos e que se concretaban nos puntos tratados.

Tamén o pasado domingo fomos á manifestación de Palas de Rei contra o proxecto da macropranta de celulosa que a empresa protuguesa Altri pretende instalar nese concello, como sabedes de chegar a realizarse tería unha extensión de 366 has, tomaría 46 millóns de litros de auga diariamente do embalse de Portodemouros e devolvería uns 30 millons de auga tratada e contaminante, ademais das emisións de gases cargados de partículas e productos químicos por unha chiminea de 70 metros de altura. O caso é que fumos un autobús de 55 persoas de toda a Mariña e alí xuntámonos con compañeiros e compañeiras de Vigo, Ferrol e outros de MODEPEN que levaban unha pancarta do noso grupo. Anque non é un tema específico das pensións, MODEPEN quixo estar presente e poñer o seu graíño de area neste movemento galego tan importante. Foi unha gran xornada de loita con mais de 20 000 persoas de toda Galicia.

Temos que comentar que para o día 14 de Xunio estaba prevista a Asamblea anual de Modepen en Valdoviño, perto de Ferrol, creo que non o comentamos na concentración do catro de maio porque estaba sen fixar a data, pero resultou que os compañeiros e compañeiras de Ferrol que se encargaron de organizar a xornada atoparonse con nun nproblema de última hora co restaurante que se comprometera e agora ten facer unhas obras e vaise aplazar a asemblea; de momento non se sabe o día definitivo, que se saberá o martes nun concello nacional que se vai celebrar ese día, pero estase barallando o 21, que aínda non é definitivo, xa o comunicarei no grupo de whatsapp. Pero se alguén se quere apuntar, que saiba que será por esas datas. Eu se é o 21 non vou poder ir por consulta médica en Oviedo e non a quero cambiar porque xa levo tempo agardando.

Outro tema que temos pendente é o do centro de saúde. Como recordaredes o 21 de decembro tivemos unha entrevista varios dos que estamos aquí co Sr alcalde e outras representantes do concello e nela expuxémoslle as nosas críticas ao proxecto do novio centro de saúde, sobre todo a localización onde o queren poñer que está a un km do casco urbano o do cenbtro quen é moito mais accesible para o uso dos v eciños. Eles deron unha serie de explicacions e promesas que non nos convenceron e quedamos que veria un técnico da consellería de sanidade para ter unha nova entrevista pero vilñeros as eleccions autonómicas e non se cedlebrou a devandita entrevista á que se comprometerá o alcalde e finalmente no pleno municipal do 14 demaio aprobouse seguir cos trámites para recalificar os terreos enfronte da estación de servizo e seguir adiante co proxecto demencial e descabelado de levar o centro de saude á esa zona enfronte da estación de servizo. Neste tempo tamén fixemos dous traballos: un foi facer unha enquisa a primeira hora da mañan ás persoas que viña nao dentro de saúde e preguntarles se viñan a pe ou en coche, e mais do 75 % veñlen a pé. A esta enquisa respostaron 260 persoas maiormente de idades avanzadas e outra cousa que fixemos foi poñernos diante da estación de servizo en distintas horas da mañá e contar os coches que pasan e puidemos comprobar que circulan unha media de 10 a 14 coches por minuto por esa zona en días de semana. Fumos seis veces, ou sexa que a proba e bastante representativa. Agora hai que pensar no que significa engadirlle 300 ou 400 coches diarios a ese punto, das persoas que accedan ao centro de saúde. Outra cousa que nos decatamos é que proxectan suprimir o servicio de radioloxía. Agora lanzan a mensaxe de que xa está todo feito e non se pode cambiar, pero esta é a eterna disculpa. Pola nosa banda segueremos loitando para que se desbote este proxecto e se valore restaurar o antigo centro ou construir o novo perto do casco urbano.

GOBERNE QUEN GOBERNE AS PENSIONS E SERVIZOS PUBLICOS DEFENDENSE

Ningún comentario: