20240702

amarinha.gal

amarinha.gal


   
Unha nova instancia en Mastodon, amariha.gal, remata de ser creada. Aquí tento explicar de xeito resumido o que, para que, o como, e algunha cousiña máis accesoria. Pode que o lema que se lle poidera asignar soara algo así como 'un lugar teu e para ti onde atopar e promocionar eventos, produtos e servizos próximos á mariña '. Pero, imos centrar un pouco a situación, tendo en conta ademais que está a dar os seus primeiros pasos.

    Recollo unha cita doutro lugar: 'Si hay dos elementos que caracterizan la privatización de un espacio público (...) son la "limitación de acceso al espacio" y su "mercantilización".' O noso espazo de relación é un espazo mixto na súa constitución e comunitario no seu uso e fundamentos. Pouco a pouco pasou a estar rexido por leis, e polo tanto, considerado público tanto ou máis que comunitario. Vese a ollo nu no uso das rúas, en tempos ocupadas por carros tanto como por nenos xogando, e de onde agora teñen desaparecido estes últimos, expulsados primeiro polos vehículos a motor e logo en todo caso substituídos por terrazas de consumo. Agora, a máis, ese espazo de no que nos relacionamos é en boa parte describible en formato dixital. Algo no que tamén incide a súa mercantilización ou o seu alleamento dos nosos intereses e afastamento da súa xestión. Se estás nunha plataforma das chamadas 'redes sociais', poñamos, Facebook, Tik Tok, Twitter... estarás xa enterado de que son todas elas multinacionais que sacan proveito co que fas nelas. Todas con base (e poder de decisión) no estranxeiro. Todas te piden aceptación de cookies (mesmo se pagas nha cota e mesmo se elixes que non te metan as 'non necesarias para o funcionamento'). Cookies que usan para recabar información do que fas en todo internet, non só na rede concreta que cho di. Todas venden eses datos que din o que es ti mellor que o poderías expresar ti mesmo. Todas te sacan do teu entorno próximo, que controlas, para te meter nun entorno que controlan e te controla. Todas, máis que facer ti uso delas, fan abuso de ti, do que es, do que queres, dos teus cartos, da túa mente, das que deberan ser túas decisións. En todas vas perdendo máis e máis soberanía dixital, ti, e contigo, contribúes de mil xeitos a arrastrar as túas amizades, a túa familia, a sociedade na que vives.

    Para tentar evitar ser vasallos, mesmo escravos teledirixidos desas plataformas, e, a través delas, de diversos poderes alleos á democracia e á nosa comunidade, con intereses diferentes ós nosos, para evitalo, está comezando unha andaina amarinha.gal. Para facerse unha rede social da Mariña. José Manuel Ventoso xa ten creado unha 'instancia' (para entendérmonos, un espazo libre, asociado con outros no universo dunha rede de instancias asociadas, o 'Fediverso', a modo de elos nunha cadea). Un espazo pensado para e pola xente de A Mariña, aínda que ó seu través se podan atopar tamén novas e xentes de máis aló. Sobre o como, vindo doutros lugares dixitais pode resultar algo raro adaptarse a novos códigos, ao tempo que facer que se adapten a un. Pero se estas ideas che resultan interesantes convidamoste a rexistrarte, entrar a fedellar. Iremos falando.

Ningún comentario: