O grupo escolar na actualidade. Recortada de GSM |
Historia do Grupo Escolar en San Cibrán
Pablo Mosquera
Fai cen anos, a permanente que goberna o Concello de Cervo pon en marcha a solicitude para a creación de dúas aulas escolares, pois ata a data os alugueiros de locais xa non xuntan capacidade ó contabilizárense máis de cincuenta alumnos e alumnas ós que Sagrario Martínez e Emilio Ceide Villar ensinan como titulares de tal actividade discente. Dará fe en acta o secretario municipal Fidel Moas Mariño e dalgún xeito intervirá o oficial maior Manuel Fernández Méndez -parente meu-. Son tempos de reivindicacións. Tamén solicitan a traída de auga potable así como a reconstrución de fontes públicas moi deterioradas en Trasbar e Rúa. Mentres os patróns da flota no porto de San Cibrán piden que se fagan as oportunas obras que despexen os escollos que existen na bocana do porto.
Non será ate 1926 cando se logre que o colectivo Hijos del Partido de Viveiro en Buenos Aires se dispoñan a sufragar a obra do Grupo Escolar que se pretende e que sinalan debe ser "irmán" dos que se crean en Burela e Cervo. Para o que precisan terreos cedidos polo Concello quen aprobou tal doazón do colectivo residente na República Arxentina con data 30 de outubro de tal ano pero que tal como indica a Comisión Municipal que xestiona a posibilidade de crear tal Grupo Escolar ó igual que se fixo en Burela e Cervo, comunican existen grandes dificultades que afectan a la propia realización do proxecto, o que coincide coa proposta que fai Dona Manuela Goñi en nome do legado do seu esposo Fernández Montenegro, que supón vencer os problemas de orden económico e retomar o asunto para dotar a San Cibrán dun grupo escolar con dúas aulas para nenos e nenas. Neses mesmos tempos o Concello cede os terreos que a continuación se especifica: En Os Campos e fronte á praciña tomando como referencias a casa da viúva de Rouco e herdeiros de Vicenta Fernández, límite coa estrada e que leva consigo a concesión de 1300 metros cadrados comprendidos entre os 45 m de fronte e los 30 m de fondo, indicando a condición sine qua non de que serán sempre destino para Escolas Nacionais de carácter público. Con posterioridade, en 1929, ampliarase o espazo dos Campos contiguo ó Grupo Escolar patrocinado polos esposos Fernández Montenegro e Goñi. Polo vento norte no seu muro de cerre do patio, trinta metros cincuenta centímetros, e trinta e sete metros de fronte cara á estrada. Os doantes pagaron a cantidade de cen pesetas pola adquisición dos novos terreos.
Que a operación antes descrita se fixo mediante edictos publicados sen que ninguén acudira a tales terreos sobrantes. Co realizado e escriturado preténdese: embelecer o edificio e por outra parte evitar a ocupación dos terreos lindeiros.
Será o 26 de xullo de 1931, coa IIª República xa vixente, cando se procede á solemne inauguración do Grupo Escolar. Á dereita a aula dos nenos e á esquerda a das nenas. Pupitres de madeira con asento para dous alumnos/as. Un patio traseiro. Unhas escaleiras dianteiras de acceso ó edificio que col tempo terá por fronte outro edificio icónico. O Salón de Clotilde con funcións de Casino, hoxe desafortunadamente desaparecido para construír unha casa da cultura cunha arquitectura que racha a sintonía que houbo antes con grupo escolar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario