Nun día moi especial
Hoxe, cando esto escribo, é un día especial. 25 de xullo. Un día ó ano, proclamado aló polo 1979 Día Nacional de Galicia, no DOG nº 1, de 1 de xaneiro dese ano, en Decreto asinado polo Conselleiro de Cultura e o Presidente da Xunta. Na procura doutra cousa como documentación para unha publicación, pasei pola páxina web do Día Nacional de Galicia na Galipedia. E alí atopei, a máis doutras denominacións e algo de historia, dúas ligazóns ó Decreto da proclamación do 25 de xullo como Día Nacional de Galicia (*). Mais foi unha sorte que eu mesmo, hai dous anos, cargara na Galipedia unha imaxe da páxina do DOG co Decreto, pois ambas ligazóns, hoxe, non levan a ningún sitio válido. Pódese recoller pantallazos coa imaxe visible na Galipedia e os decepcionantes na web do DOG.
En canto vin que das ligazóns na Galipedia non podía acceder ó contido no DOG, tomei os correspondentes pantallazos e decidín ir na procura do decreto no buscador do DOG. Alí, atopei unha ligazón ó pdf do Decreto. Pulso nela... e non funciona!: "O recurso solicitado non foi atopado. Está tratando de acceder a unha páxina que non existe."
Tento facer a procura doutro xeito. Pero nin os sete DOG de 1979 que aparecen na web nin o único de 1978 están dispoñibles na web.
Non sigo a mirar. Unha parte da historia de Galicia, a dos comezos da estruturación administrativa como Xunta de Galicia, hai que procurala nas bibliotecas e hemerotecas fisicas, non na rede. Mais non se escapa outro detalle. Na mesma páxina da Galipedia púxose no seu día, hai máis dunha década, outra ligazón, á páxina institucional do 25 de xullo, http://www.25dexullo.gal/ga/, (ou /gal, ou /gl, que con todas probei por se acaso...) ligazón que leva hoxe á páxina de portada da Xunta de Galicia (é dicir, séguese a pagar o dominio/enderezo, pero desvíase o resultado á portada da Xunta).
Quedo atordado. As hipóteses que se me veñen á cabeza son demasiado negativas. Mañá, ou calquera outro día volverei tentar atopar na web institucional do DOG as mesmas páxinas. Algún día as atoparei. En papel, seguro que si.
* Unha cousa máis que atopei foi a referencia a que neste día entréganse as Medallas Castelao. Está sen actualizar a páxina, os últimos anos non se entregan este día...
Ningún comentario:
Publicar un comentario