20240731

Poñéndolle un pouco de imaxinación e sorna ó verán

Poñéndolle un pouco de imaxinación e sorna ó verán

    Era un tranquilo día. Pero coma outras moitas veces, a tranquilidade era só un preludio do caos. De pronto, as redes sociais estoupaban coa última nova: a muller de Pedro Sánchez, Begoña Gómez, fora vista compartindo un café con alguén inopinado, o xuíz Peinado. ¿Acaso estaban tramando a última grande conspiración da política española? Ou era só un amaño 'do seu'? As teorías abrollaban como cogomelos despois da choiva.

    Os medios, famentos de escándalo, non tardaron en poñerlle música de suspense á situación. O noticieiro matutino de Televisión Española, por libre, abría cunha sintonía digna de película de espionaxe dos anos 70. "A muller do presidente, un xuíz con nome sospeitosamente incriminatorio, e os intrincados lazos que unen a política e a xustiza no noso país", anunciaba o presentador cun ton grave.

    A situación era, cando menos, hilarante. Os tertulianos comezaron a debullar teorías rocambolescas sobre o encontro: "Seguro que estaban planeando o próximo golpe de Estado!", "Non, non, seguro que é algo relacionado coas cotizacións do IBEX35!". Mentres tanto, nos bares, a xente debatía acaloradamente entre tapas de tortilla e viños de Ribeiro, multiplicados case en tanto número como as teorías (outros dirían 'saen tantas teorías como chourizos').

    A cousa non quedou aí. Algúns xornalistas destemidos fixéronse eco doutras historias igual de pintorescas, aínda que pode algo menos mediáticas. A pasada semana, o cuñado do primo segundo da ex-moza do Conselleiro de Agricultura fora visto entrando na sede do Banco de España. O rumor de que estaba ali para intercambiar bitcoins por galos de Mos revoloteaba con más forza que o soen facer os anteditos galos.

    Outro caso espectacular que saltou ás primeiras páxinas para ser sobrepasado (ou retirado, non se sabe moi ben) con igual rapidez, foi o do deputado Gómez de las Serpientes, cuxo nome xa suxería unha vida de intriga. Fora fotografado comprando un pastel nunha docería de renome. Ata aquí, nada de particular, pero o local tiña un pasado escuro: anos atrás, a empresa fora acusada de evadir impostos coas vendas de tartas nupciais. “Seguro: o deputado está a recibir os doces froitos da corrupción", sentenciaba un articulista de renome, no escrito mentres desgustaba unha suculenta empanada de zamburiñas.

    Volvendo ao tema, o xuíz Peinado, con nome que evoca imaxes de premeditada coidado capilar, resultou ser unha figura enigmática. ¿Por que estaría el, que teoricamente debería ser imparcial como a balanza que simboliza a xustiza, tomando un café con Begoña? Non sufriría un desdobre de personalidade? E ela? Estaría quebrando a regla de que 'a muller do César non só ten que ser honesta, senón que ten que aparentalo' por algunha razón? Quizais se tratase dunha cata de café para unha campaña solidaria. Ou, máis probablemente, estaban simplemente desfrutando dun breve respiro da constante faramalla xudicial.

    Mentres tanto, a oposición política duns e outros afiaba as súas linguas. "¡Esiximos unha investigación!", berraba un líder do partido rival (tentaba ser rival a ambos). "Que se investigue se había azucre no café! ¿E de onde procedía? ¿Colombia? ¿Cuba? ¿Ou peor, de Portugal?"

    Cando todo isto sucedía, Pedro Sánchez estaba na Moncloa pensando, probablemente, en cal sería o menú da cea desa noite -estaba de antollo-, alleo á burbulla mediática que envolvía á súa muller e ao xuíz Peinado.

    A última montaxe de escándalo político e xudicial en España ó mellor non era máis que outra proba da imaxinación desbordante de xornalistas e tertulianos ávidos de atención. Ao final do día, a muller de Sánchez e o xuíz Peinado de seguro riron ben de todo o alboroto e de todos mentres tomaban cadanseu outro café, noutra compaña. Esta vez asegurándose de que fora descafeinado (aínda que non está claro se con ou sen gotas), para evitar futuros episodios de histeria colectiva.

Ningún comentario: