20240804

Dámaso Alonso e Gamallo Fierros. Eduardo Gutiérrez

(Publicado o 31 de xullo no 'El Progreso' sen ligazóns)

Dámaso Alonso e Gamallo Fierros

Eduardo Gutiérrez

Un artículo de Xosé María Palacios sobre os oitenta anos da publicación de 'Hijos de la ira' de Dámaso Alonso pon no disparador as vivencias persoais sobre o famoso poeta e académico. A nivel íntimo e irrelevante, cando facía o bacharelato accedín na Biblioteca El Viejo Pancho ás 'Soledades' de Góngora na edición comentada por Dámaso Alonso, unha inquedanza localista, unha migalla extemporánea. Pero uns anos despois, da man de Dionisio Gamallo Fierros, formei parte da organización dos actos conmemorativos dos centenarios de Dámaso e Juan Vicente Alonso, ou sexa o pai e o tío do poeta, ambos naturais de Ribadeo, pois naceran no daquela número 2 da rúa do Hospital, hoxe Villafranca del Bierzo, onde se colocou unha placa cos bustos modelados dos irmáns, composta polo escultor Eduardo Rodríguez Osorio.

O programa de actos tivo lugar o 9 e o 10 de xullo de 1972. A redacción minuciosa e prolixa do programa foi unha desas tarefas que caracterizan o xeito e estilo diplomático de Gamallo, ao que non se lle escapaba ningún detalle: ao acto académico que se celebrou no Salón de Plenos do Pazo Municipal acudiron representantes do Instituto de Estudios Asturianos e o presidente da Real Academia Galega. Gamallo mesmo me suxeriu algunha colaboración para 'La Comarca del Eo' sobre os irmáns Alonso, para non aparecer el como único facedor, que o era realmente; o que sucedía era que comunicábase sempre por medio de cartas a man, que eran unha marfallada de textos, pois primeiro cubria o folio e incluía as postdatas, logo enchía as marxes do papel, e despois as lapelas do sobre, e houbo casos nos que no exterior do envoltorio, inxería rogos ao servizo de Correos sobre o itinerario para chegar á rúa da Trindade, onde eu tiña daquela o domicilio; concretamente cunha referencia á das Angustias que logo foi Antonio Otero e despois un treito de El Viejo Pancho, ou sexa unha brincadeira cordial.

Nese acto escoitei falar por primeira vez a Dámaso Alonso que respostou ás palabras do señor alcalde, daquela Antonio Rodríguez Fernández que presidía a Comisión, que era moi numerosa pois había Presidencia de Honor e Vicepresidencia, ademais da presidencia efectiva, secretarios por Ribadeo, por Galiza e por Madrid apartre de vocais por Ribadeo, un cargo que me correspondeu en representación da Agrupación Cultural Francisco Lanza, e co mesmo posto José Juan Suárez Acevedo representando ao Instituto de Ensino Medio do que era Director. Tiven oportunidade de escoitar brevemente, as axustadas, sentidas e concisas palabras do presidente da Real Academia Española, de viva voz, porque no libro de Dionisio Gamallo Fierros de 1948 aparecen como prólogo unhas páxinas de Damaso Alonso que titula 'Carta íntima', asinada nun avión voando sobre o Atlántico norte o 10 de febreiro de 1948. O volume é 'Páginas abandonadas. Del olvido en el ángulo oscuro' e figura a xeito de prólogo unha carta íntima de Dámaso Alonso, unhas liñas moi reveladoras dos traballos do ribadense para compoñer o 'Ensayo biocrítico apéndices e notas'. Dámaso Alonso destaca a teimosía investigadora de Gamallo. "Valiente Dionisio, con tu carterón que pesa tanto, que se te va quedando rezagado siempre, como un niño gordo que llevaras de la mano y te cansara de andar, con tu carterón tan preñado."

Volvín ter ocasión de escoitalo a finais dos oitenta do século pasado nuns singulares ágapes que organizaba Dionisio en agosto, co gallo do seu aniversario nese mes, unha ocasión única para a distendida conversa. Os convidados eran tantos como anos que cumpría, e sempre había no menú unha sobremesa moi doce, tan agarimoso como as nosas lembranzas.

Ningún comentario: